O percorrido comezará nas Insuas de Gres, en Vila de Cruces, e rematará na área fluvial de Cira
As persoas que desexen inscribirse poden anotarse ata o xoves 17 no Concello
O programa Goza do Ulla regresa á nosa comarca o vindeiro domingo 20 de outubro cun roteiro intermunicipal entre Vila de Cruces e Silleda, con saída nas Insuas de Gres (Ponte Ledesma) e chegada á área fluvial de Cira. O percorrido, duns 9 quilómetros, discorrerá paralelo ao río Ulla ata o punto onde conflúe co Deza, coñecido como Xunta dos Ríos, un espazo de gran beleza natural.
A saída será ás 9:30 horas, con autobús desde a parada de autobús de Silleda, que tamén recollerá aos participantes ao final do percorrido para o regreso. O trazado permitirá gozar de fermosas paisaxes fluviais e zonas de interese, como a Fundación Neira Vilas, e a parroquia de Cirela, coas fermosas vistas ao val que forma Cira dende Castromouzo. Nesta parroquia silledense rematará o roteiro, na praia fluvial de Cira, un enclave de gran atractivo turístico.
As persoas interesadas poden inscribirse no Concello de Silleda ata o xoves 17 de outubro, chamando ao 986 580 000 ou enviando un correo a cultura@silleda.es. Dende o Concello habilitarase tamén un servizo de autobús, previa inscrición.
Recoméndase levar calzado cómodo e resistente á auga, así como roupa axeitada para a climatoloxía prevista.
Baixo o nome Goza do Ulla, esta iniciativa de carácter turístico busca dar a coñecer e promocionar o rico e valioso patrimonio dos territorios á beira do Ulla promovendo un turismo sostible. Cira, coñecida tamén coma a horta de Silleda, é o referente silledense da ribeira do Ulla. En anteriores edicións, esta localidade tamén foi protagonista do roteiro e compartiu percorrido con A Estrada e outras áreas próximas. Nesta ocasión, o programa Goza do Ulla xunta a Cira con Gres, parroquia veciña situada en territorio de Vila de Cruces.
Este será o últimos roteiro do programa Goza do Ulla 2024, unha iniciativa intermunicipal que, xurdiu hai máis dunha década.