A mostra Mulleres Rurais: pasado, presente e futuro poderá verse ata finais deste mes na Casa do Concello, con imaxes antigas e outras iniciativas audiovisuais
O acto central tamén acolleu o recoñecemento á emprendedora Virginia Colmeiro
O Concello de Silleda celebrou este venres o Día da Muller Rural coa inauguración dunha mostra interactiva baseada en fotografías antigas recollidas en Silleda dende mediados do século XX. Baixo o lema Mulleres Rurais: pasado, presente e futuro, con esta exposición o Concello convida a reflexionar sobre o papel imprescindible das mulleres rurais no pasado, a súa presenza no presente e a súa influencia no futuro. A mostra poderase ver ata o vindeiro día 30 nas dependencias da Casa do Concello.
Ademais de fotografías antigas, moitas delas do banco de imaxes dixitalizado pola dinamizadora rural estradense Marisé García Hermida e outras aportadas por veciñas do municipio, nesta exposición tamén se convida ao público a facerse retratos inmortalizando as mulleres do presente e deixar unha mensaxe nun libro para as mulleres do futuro.
A mostra está organizada en colaboración coa entidade Acción contra a fame no marco do proxecto Comunidades Rurais Sostibles e financiado polo Fondo Social Europeo Plus do Ministerio de Traballo e Economía Social e a Fundación Mapfre,
No acto, presentado pola concelleira de Igualdade, Ángela Troitiño, leuse o manifesto da Corporación Municipal de Silleda en defensa dos valores que representan as mulleres do rural. En representación de todos os grupos municipais leron o texto as concelleiras Erea Rey, María Jesús Rodríguez e a concelleira de Medio Rural, Asunción García, destacando o papel das mulleres rurais como motor de cambio e desenvolvemento nas nosas comunidades.
O texto tamén fai mención ao impulso, apoio e defensa do colectivo a través do recentemente creado Consello Municipal da Muller.
O acto central, ao que acudiron representantes das asociación de mulleres rurais do municipio de Silleda, tamén se converteu nun recoñecemento a Virginia Colmeiro Pérez, elixida como protagonista deste mes no marco do programa (IN)Visibles. A alcaldesa, Paula Fernández, pechou o acto xunto con Virxinia, destacando a aposta desta moza polo rural.
Dende o Concello convídase á veciñanza a visitar a exposición.