O recoñecemento premia o compromiso do goberno local co medio ambiente e a protección da paisaxe
Permitiralle ao concello acceder a máis recursos a través de subvencións
O Concello de Silleda acaba de recibir o o distintivo Bandeira Verde de Galicia, un recoñecemento que concede a Xunta de Galicia para premiar o compromiso co medio ambiente e a protección da paisaxe. Silleda, que foi seleccionado entre máis de 34 concellos de toda Galicia, obtén este recoñecemento xunto a outros dous municipios da provincia de Pontevedra: Sanxenxo e A Illa de Arousa.
O distintivo Bandeira Verde, ademais de recoñecer as políticas medioambientais aplicadas, vai facilitar que Silleda obteña maiores puntuacións nas subvencións autonómicas vinculadas ao patrimonio natural e á xestión de residuos de competencia municipal, o que permitirá seguir consolidando o seu compromiso coa Axenda 2030. “A Bandeira Verde non só destaca o compromiso medioambiental de Silleda, senón que tamén abre novas oportunidades para seguir avanzando en políticas de sustentabilidade e protección do entorno natural, mellorando así a calidade de vida da veciñanza”, sinala a alcaldesa, Paula Fernández.
O recoñecemento foi outorgado a través da orde do 18 de marzo de 2024 para a concesión do distintivo Bandeira Verde de Galicia 2024, destacando as políticas implementadas en áreas clave, como a xestión de residuos, a mobilidade sostible e a protección da paisaxe.
Entre as iniciativas que fixeron posible que Silleda acadara este recoñecemento destaca o Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS), un plan feito en colaboración coa veciñanza para a mellora tanto da mobilidade como da seguridade no municipio e cuio desenvolvemento pode constatarse na rúa Progreso, na rúa do centro de saúde ou nas sendas de Toiriz. Agora completarase coa mellora integral do centro de Bandeira e da rúa Arturo Pérez Lázara. “Cambiar a fisionomía urbana de Silleda non só nos converte nun pobo máis fermoso, senón tamén máis sostible”, afirmou a alcaldesa.
Outras accións do goberno local que tamén se puntuaron para que Silleda poida locir esta Bandeira Verde foron o Plan de Acción polo Clima e a Enerxía Sostible (PACES), que ten como obxectivo reducir nun 40% as emisións de gases de efecto invernadoiro para 2030, consolidando a Silleda como líder na loita contra o cambio climático; e o Plan Municipal de Emerxencia e Xestión do Risco de Seca, que garante o uso responsable da auga.
Outra das accións incluídas na memoria valorada foi o Proxecto Rede de Calor District Heating, un sistema que facilita o autoabastecemento enerxético mediante enerxías renovables, “e que hoxe en día é referencia para gobernos locais de toda España”, apunta Paula Fernández.
Tamén foron fundamentais para a obtención da Bandeira Verde dúas accións postas en marcha este mesmo ano. A primeira delas foi a implantación do contedor marrón, coa entrega gratuíta de máis de 600 composteiros e a organización de xornadas informativas e formativas, que se complementaron con campañas de sensibilización para a separación de biorresiduos. Todas estas medidas contribuíron a reducir ata un 35% a fracción orgánica dos residuos.
A segunda acción posta en marcha este ano foi o lanzamento do Plan Estratéxico de Localización e Implementación dos ODS, unha folla de ruta para planificar, cumprir e medir o avance de Silleda na consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) da Axenda 2030.
Asimesmo, o Concello de Silleda incluíu na memoria para a obtención do recoñecemento a aprobación por unanimidade no pleno da declaración institucional para a incorporación ao proceso de localización da Axenda 2030, así como a adhesión de Silleda á Rede de Entidades Locais para a promoción dos ODS no ámbito municipal.
Paula Fernández agradécelle á Xunta este recoñecemento, “que é resultado do traballo feito nos últimos anos, con gobernos comprometidos co medio ambiente,” e que sitúa a Silleda como referente en sustentabilidade e coidado do medio ambiente en Galicia.