Silleda renova o convenio con Afapo para continuar mellorando o Programa de Atención Integral a Persoas con Alzheimer e as súas familias

Silleda, 18  de novembro de 2019.  O programa de Intervención Integral a Persoas con Alzhéimer e familias coidadoras que desenvolve o Concello de Silleda a través da Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer e outras demencias da provincia de Pontevedra (Afapo) continuará o vindeiro ano 2020.

O alcalde, Manuel Cuiña, e a concelleira de Benestar Social, Ángela Troitiño, mantiveron esta mañá un encontro nas dependencias municipais con José Manuel Fontenla, director de Afapo, no que se perfilou o convenio que rexirá as actuacións a levar a cabo o vindeiro ano.

“Estamos moi satisfeitos con este programa integral que iniciamos xa no ano 2014 e que tan bos resultados está a dar, non só para os veciños e veciños que padecen esta doenza senon tamén para as súas familias, con consellos e indicacións que moitas veces se descoñecen”, sinala o alcalde destacando que a posta en marcha desta iniciativa é “unha clara aposta deste goberno polas políticas sociais”, engade.

En febreiro comezaron a impartirse por cuarto ano consecutivo os obradoiros de estimulación cognifitiva para as persoas aqueixadas de alzhéimer e outras demencias que continuarán ata final de ano na Casa da Xuventude. Esta é unha das actividades que se vén desenvolvendo con este programa, ao igual que os cursos para familiares e coidadores/as.

Dende o Concello de Silleda tratarase de realizar ademais unha campaña informativa sobre este programa, “para tratar de chegar a máis poboación xa que sabemos da incidencia que ten esta enfermidade e que temos, por desgracia, máis usuarios e usuarias potenciais”, engade o alcalde.

Obxectivos

Dende AFAPO explícase que entre os obxectivos deste programa de intervención integral figuran axudar ás familias a comprender a importancia no coidado dos enfermos e previr situaciónns de desgaste físico e/ou emocional, que poidan derivar en estrés crónico, e tamén ralentizar na medida do posible o deterioro cognitivo, pérdida de memoria, de mobilidade e función motoras que presentas as persoas con demencias.

A mellora da calidade de vida , tanto das familias como dos enfermos é o reto específico desta actuación que comezou a desenonverse en Silleda no ano 2014 e á que o Concello de Silleda vén destinando unha partida de 18.000 euros. “O coidado e benestar dos nosos maiores e das persoas que padecen enfermedades coma esta é unha das preocupacións deste goberno municipal, que se manifesta coa posta en marcha de iniciativas coma esta ou a apertura o pasado mes de maio dun Centro de Día e Residencia”, sinala a concelleira Ángela Troitiño.