-O ciclo, que organiza Camerata ad Libitum dende o ano 1990, celebrarase no municipio entre o 7 e o 21 de agosto próximos, con varios concertos en Silleda, Carboeiro e na Bandeira
Silleda, 23 de xullo de 2021. O Concello de Silleda será este ano a sede do prestixioso curso de verán “Tamara Brooks”, que reunirá dende o 7 ao 21 de agosto próximo a distintos profesionais, estudiantes e tamén afeccionados á música e ao canto con actividades tanto presenciais coma on-line.
No curso de formación, que se celebra dende hai máis de 30 anos en distintas localidades do sur de Pontevedra, participarán preto de 40 alumnos e alumnas que compartirán conferencias, seminarios, obradoiros… e que ofrecerán distintos concertos nas vilas de Silleda e da Bandeira e no mosteiro de Carboeiro, no marco da programación cultural de verán MoVEMOS Silleda.
Así, o traballo deste curso poderá seguirse nos 6 concertos que se ofrecerán ao longo do vindeiro mes.
Os días 6 e 9 de agosto Carboeiro, onde pechou este ciclo cun concerto nos últimos 3 anos, será o escenario do certamen. O venres día 6, ás 21:00 horas, terá lugar o concerto de apertura do curso, baixo o lema “Un camiño de música para grupos vocais”, no que participarán o cuarteto de voces SondeNós de Viveiro, o Obradoiro coral do conservatorio profesional de música de Viveiro (trío vocal masculino) e EntrElas de A Coruña (sexteto vocal feminino).
Interpretarán un programa integrado por textos poéticos contemporáneos en galego, pezas en estilo popular ou tradicional arranxadas e presentadas nun estilo fresco e orixinal con voces a-cappella (sen acompañamento).
O luns día 9, ás 21:30 haberá tamén unha audición de música coral relixiosa: “Deus ibi est”, na que participarán alumnos e alumnas do curso, dirixidos por Eduardo García-Novelli, con música coral baseada en textos relixiosos e espirituais musicados por autores dos séculos XX e XXI.
O martes día 10, celebrarse ás 21:00 horas no auditorio da Semana Verde a Gala Lírica “O mundo da Zarzuela”, na que intervirán como solistas varios profesores do curso: Carmen Solís, Carmen Subrido, Juan Abalde e Gloria Novoa. Estarán acompañados por membros da Banda de Música Municipal de Silleda, baixo a dirección de Rafa Agulló, interpretando unha
selección de romanzas e interludios instrumentais de algunhas das zarzuelas españolas máis coñecidas.
O venres día 13, ás 22:30 chegará a Silleda a “Noite Meiga” con música coral que interpretarán na rúa (praza Juan Salgueiro) os membros do coro infantil da Escola de Música Municipal de Silleda xunto co alumnado e prefosorado do curso, con pezas populares procedentes de diferentes países do mundo.
Tamén o sábado 14, no auditorio da Semana Verde terá lugar ás 21:00 horas o concerto de cámara “Os sons das cordas”, no que os alumnos de corda do ciclo estarán dirixidos por Michael Thomas.
O domingo día 15, no auditorio Manuel Dopazo da Bandeira terá lugar ás 21:00 horas un recital de teatro lírico, co título “Canto conto” ca participación do alumnado do curso de canto e técnica vocal , con interpretación teatralizada de pezas para voz e piano de diferentes estilos e épocas.
E para rematar, o sábado 21 ás 21:00 horas celebrarase no auditorio da Semana Verde en Silleda o concerto de clausura do ciclo, co lema “O son da noite brillante”, ca participación do Coro e orquestra de cordas “Tamara Brooks” baixo a dirección do alumnado do curso de dirección e o profesorado (Michael Thomas e Julio Domínguez), con música coral e instrumental de diferentes estilos e épocas, especialmente de compositores modernos e contemporáneos.
“Despois de varios anos poñendo o broche final a este ciclo no mosteiro de Carboeiro, con concertos entrañables, este ano dende o Concello de Silleda facemos un esforzo a maiores para convertirnos na sede deste prestixioso certame”, indica a concelleira de Cultura, Mónica González, que destaca a calidade deste ciclo con recoñecidos profesionais como docentes.
Hai xa varios meses comenzaron as conversas co director e organizador do curso, Julio Domínguez, para celebrar o curso en Silleda, onde se aloxarán os alumnos e alumnas do ciclo.
Dende o Concello de Silleda agradécese a colaboración de entidades como a Escola de Música e Banda Municipal de Silleda, e da Fundación Semana Verde, entre outros, así como de participantes silledenses na iniciativa, ademais de convidar ás distintas agrupacións corais a achegarse a coñecer o traballo deste ciclo.
O curso de verán, que organiza a agrupación Camerata ad Libitum, tomou en 2016 o nome de Tamara Brooks, unha directora e pedagoga norteamericana , falecida en 2012, en lembranza do seu destacado papel na música e homenaxe ao seu legado.