Silleda serve de exemplo na mesa de diálogo de EAPN Galicia sobre boas prácticas en materia de vivenda

A alcaldesa de Silleda, Paula Fernández Pena, participou este venres 8 de novembro na xornada Avances e boas prácticas nas políticas de vivenda de Galicia, organizada pola Rede Europea de Loita contra a Pobreza e a Exclusión Social (EAPN Galicia)  celebrada na Escola Galega de Administración Pública (EGAP) en Santiago de Compostela coincidindo coa celebración do Día Mundial do Urbanismo.

A EAPN, contactou co Concello polo interese que espertaron as accións en materia de vivenda postas en marcha polo executivo silledense. Dende este organismo solicitou a presenza da alcaldesa para que explicara os plans do seu goberno como exemplo de boas prácticas, debido ao interesa que entre os participantes nesta xornada, na súa maioría colectivos do terceiro sector e profesionais da arquitectura.

A rexedora destacou a experiencia do municipio coa posta en marcha da Oficina de Vivenda, recoñecida xa, fai dous anos, como un exemplo de boa práctica pola EAPN Galicia.

Esta iniciativa municipal  permite facilitar o acceso á información e ás axudas de vivenda ás persoas  interesadas en mellorar a eficiencia enerxética ou a accesibilidade. Ademais, traballa en coordinación co servizo de Benestar Social para achegar estas subvencións ás familias en situación de vulnerabilidade, marcando así un modelo que a Rede considera fundamental para ser replicado noutros concellos galegos.

Nestes días o persoal municipal está informando das axudas do ARI (áreas de rehabilitación integral)  vinculadas Camiño De Santiago, polo que calquera vivenda na zona de afección de esta área pode achegarse a recibir información ao concello.

Fernández Pena subliñou a importancia da coordinación entre as administracións públicas e o Terceiro Sector para garantir políticas efectivas no acceso á vivenda, un compromiso que é unha prioridade tanto para o Concello de Silleda como para a Rede de Loita contra a Pobreza.

Asemade, na mesa de debate que compartiu cos alcaldes de Ames e Curtis tamén se falou doutras propostas como o acordo acadado coa SAREB para a construción de 44 vivendas así como a creación de comunidades enerxéticas nas que as familias vulnerables terán acceso a electricidade gratuíta.

Con esta participación, Silleda reafirma o seu compromiso con iniciativas innovadoras que favorezan o acceso á vivenda como un dereito fundamental, especialmente para os colectivos máis vulnerables.

No marco deste seminario, presentouse ademais  o VIII Informe de situación 2024: Asegurando o dereito a unha vivenda digna, axeitada e accesible en Galicia,  da EAPN, un  estudo que analiza as principais dificultades para acceder a unha vivenda na nosa comunidade e avalía as políticas públicas e medidas implementadas neste eido.