O público encheu o salón de actos do Concello na presentación deste programa de desenvolvemento sostible
“Estamos falando de facer entre todos a Silleda que queremos”, sinalou a alcaldesa, Paula Fernández
Unha enquisa e varios grupos de traballo permitirán coñecer as necesidades e as propostas da poboación
Silleda.3-5-2024.- Nun salón de actos do Concello ateigado de público, Silleda presentou este xoves 2 de maio a súa Axenda 2030. Trátase da adaptación á realidade local dos obxectivos do programa de desenvolvemento sostible impulsado pola ONU para reforzar os ámbitos social, económico e ambiental. “Estamos falando de facer entre todos a Silleda que queremos, un reto ben fermoso”, en palabras da alcaldesa, Paula Fernández.
Tal e como explicaron Paula Fernández e o técnico Arturo González, a Axenda 2030 é un programa destinado a apuntalar o progreso social e económico grazas á consecución de 17 obxectivos de desenvolvemento sostible (ODS), que teñen como fin último asegurar o progreso de todas as persoas aplicando políticas respectuosas co medio.
No marco deste modelo, centrado nas persoas, Silleda elaborará agora a súa propia axenda. O primeiro paso consistirá en facer unha diagnose ou ánalise da situación actual do municipio para determinar cales son as súas necesidades. Despois, haberá que definir unha serie de actuacións encamiñadas a lograr os obxectivos marcados e, por último, se establecerán os indicadores cos que se avaliará en que medida se alcanzaron as metas propostas.
“O que queremos é establecer unha folla de ruta que nos axude a concretar e poñer en práctica aqueles ODS que queremos acadar en Silleda”, sinalou a alcaldesa, que incidiu en que a colaboración de asociacións e veciñanza será fundamental para facer ese plan estratéxico. “Trátase de decidir, por exemplo, que podemos apartar cada un de nós para acabar coa pobreza, para que a igualdade de xénero sexa unha realidade ou como podemos favorecer a economía circular e un consumo responsable”, manifestou.
Unha enquisa, que se lanzará tanto na páxina web do Concello como en papel, e a creación de varios grupos de traballo serán as ferramentas que se utilizarán para recabar as opinións e as propostas dos silledenses. Estas actuacións realizaranse nos próximos meses grazas a unha subvención de 57.345 euros outorgada polo Ministerio de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030, sendo Silleda o único concello galego á que se lle concedeu no ano 2023 no marco dun proceso ao que se presentaron 629 solicitudes.