-O proxecto, cun orzamento previsto de 20.000,00 máis IVE, acóllese ao marco do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia, e contribuirá á mellora da paisaxe agraria e ao desenvolvemento do uso recreativo da praia fluvial de Cira
Silleda, 8 de agosto de 2016. O Concello de Silleda vén de solicitar á Consellería de Medio Ambiente unha subvención para a mellora do entorno da praia fluvial de Cira.
A actuación está prevista dentro do programa de axudas a investimentos non produtivos, vinculados á realización de obxectivos agroambientais e climáticos en concellos incluídos na Rede Natura 2000, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural, (Feader), no marco do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2014-2020.
Este proxecto, promovido polo concello, consistirá no acondicionamento do terreo, limpándoo de maleza e nivelándoo, para logo colocar zahorra compactada nos lugares que sexa preciso. Seguidamente construirase unha plataforma de madeira, que formará o observatorio, tratada en autoclave e debidamente anclada ao terreo existente mediante a execución de unha zapata de formigón e un soporte de madeira. Ademais da plataforma, executarase unha pasarela, nas mesmas condicións que a plataforma, que permita o acceso á mesma de forma cómoda e sinxela. E xa por último, na plataforma, proxectarase unha varanda de seguridade, de madeira tratada, que evite a caída dos usuarios pola diferenza do nivel existente.
A praia fluvial de Cira está situada na confluencia dos rios Ulla e Deza, e é un lugar ideal, tanto pola súa beleza, coma polas súas posibilidades, xa que a xente pode darse un baño ou relaxarse tanto na propia praia coma nos seus arredores, onde se pode atopar unha zoa equipada con mesas situadas á sombra para comer e descansar. Tamén dispón dun aparcadoiro, que facilita o acceso á mesma, xa que o usuario pode chegar ao lugar directamente dende o seu vehículo. Entre outros atractivos, está o da existencia dun sendeiro natural que permite coñecer a veiga baixa e visitar ou adquirir produtos singulares que se cultivan nos inmensos invernadoiros existentes nas proximidades.
Esta actuación virá a complementar as xa realizadas en anos anteriores, logo de que no ano 2014 se creara unha área recreativa con equipamento axeitado, e no pasado ano se fixera a instalación de paneis informativos co mapa turístico da zona no lugar coñecido coma Xunta dos Ríos, (onde conflúen o Ulla e o Deza), e a creación dun sendeiro circular na parte baixa da parroquia, cun percorrido paralelo ao cauce do Ulla.
“Este proxecto mellorará e resaltará o valor medioambiental deste espazo e será un punto óptimo dende o cal se poderán observar as excelentes vistas que ofrece o entorno, promocionando e dinamizando este entorno rural”, explica o alcalde, Manuel Cuiña.