Silleda, 22 de novembro de 2013. O alcalde de Silleda, Manuel Cuíña, e o concelleiro de Deportes, Klaus Brey, recibiron hoxe no Concello a representantes das federacións española e galega de golf.
Na recepción participaron Julián Zulueta, representante de convenios da Real Federación Española de Golf, e Daniel Fernández, presidente da Federación Galega e membro da executiva da entidade nacional.
Durante o encontro cos representantes municipais falouse do proxecto para crear en Silleda unha escola municipal de golf rústico, que se promove dende o Concello.
Tanto Daniel Fernández como Julián Zulueta amosaron o “total apoio” das da federación ao proxecto silledense, que se acordou crear co apoio unánime do Pleno municipal na sesión ordinaria do pasado mes de setembro.
Como avanzadilla á creación desta escola, acordouse incluir ao municipio no programa “Golf nos colexios”, que xa se está a levar a cabo nalgúns centros da provincia da Coruña.
Formación de profesores e dotación de material
Así, mediante a firma de convenios cos centros educativos a Federación Española de Golf comprométese a formar a profesores e profesoras de Educación Física, así como a suministrar un equipo de material deportivo a cada centro, para iniciar ao alumnado na práctica deste deporte.
Dende o Concello, o alcalde, Manuel Cuíña e o edil de Deportes, Klaus Brey, agradeceron o apoio amosado polas federacións, ademais de destacar as posibilidades que se abren co proxecto para os colexios, “co fin de achegar esta modalidade deportiva á poboación máis nova”, engade o alcalde.
Pola súa banda, o presidente da Federación Galega lembrou que as dúas federacións veñen apoiando iniciativas coma a de Silleda, “que ademais son proxectos mois sostibles dende o punto de vista económico, social , e medioambiental”.
Ademais, dende as entidades, que amosaron a súa satisfacción polo apoio unánime das tres forzas políticas ao proxecto silledense, advírtese que “calquera iniciativa relacionada co golf ten demostrado ser un motor que xera riqueza, algo que neste caso se notará na comarca”, engade.
Na reunión tamén se desculpou a asistencia de Juan Bautista Cuevas, presidente do Aeroclub Santiago, que tamén está a colaborar coa iniciativa, e que finalmente non puido asistir.