Silleda, 1 de xaneiro de 2015. O Concello de Silleda creará no entorno do mosteiro de San Lourenzo de Carboeiro unha senda botánica, unha iniciativa que complementará o atractivo deste enclave dende o punto de vista do patrimonio natural e tamén a nivel turístico.
A senda, a primeira destas características coa que contará o municipio de Trasdeza, está incluída no proxecto Auga e Pedra, para a mellora do entorno e sinalización tanto do mosteiro como da Fervenza do Toxa, na parroquia silledense de Pazos.
A diversidade de especies no entorno do mosteiro, á beira do río Deza, permite a creación desta senda, para disfrutar deste paraxe natural e coñecer as especies a través do seu uso ao longo da historia do mosteiro.
Trátase dun vieiro circular que comeza na parte posterior do mosteiro, moi preto do pombal, continuando polo muiño e rematando de novo xunto ao edificio monacal.
A senda percorre lugares nos que se atopan ata 22 especies de vexetación e flora. Así, figuran o Cerquiño (Melojo); Espiño (Majuelo); Carballo; Érbedo (Madroño); Hedra; Xilbarbeira (Rusco); Escambrón (Endrino); Salgueiro (Sauce); Ameneiro (Aliso); Uz Branca (Brezo blanco); Pereira silvestre; Xesta (Retama); Toxo; o Fento Real; Castiñeiro; Loureiro; Sobreira; Abeleira; Dentabrún (Helecho Macho); Pradairo, Sabugueiro e a Estruga.
Todos estes exemplares intégranse nas fragas e bosques autóctonos que rodean o mosteiro de Carboeiro, formando distintos nievis do estrato arbóreo.Destaca entre elas a Xilbarbeira, unha especie única en perigo de extinción que se atopa tamén xunto á Fervenza do Toxa, un espazo que forma parte xunto co entorno do mosteiro do Sistema Fluvial Ulla-Deza, incluidas na Rede Natura 2000 como Lugar de Importancia Comunitaria (LIC), cun alto valor paisaxístico.
Cabe tamén destacar a importancia das augas minerais como recurso natural nesta zona, que se atopan nos estratos acuíferos sobre os que se asenta o mosteiro.