-
A concelleira de Infancia convida a participar os mais pequenos e as súas familias nunha iniciativa chea de creatividade e novidade
-
O Concello celebrará unha festa merenda o sábado 27 ás 17.00 hora na praza Benito Rivas
-
Contos e obradoiros musicais acompañarán a presentación da fadiña dos chupetes e da súa casa
A Concellería de Infancia que coordina Ángela Troitiño presentará o vindeiro sábado, 27 de xullo, unha nova iniciativa coa que se pretende colaborar coas familias para facilitar a retirada do chupete dos máis pequenos dun xeito creativo e novidoso.
Esta iniciativa, dirixida á cativada de entre 0 e 5 anos, converterá unha árbore da praza Benito Rivas na árbore dos chupetes, para que as familias poidan penduralas das súas pólas cando os pequenos deixen de usalos. «Trátase dun rito de axuda aos pequenos, que lles faga máis doado despedirse do chupete e lles axude ademais a entender por que teñen que deixalo, sabendo que vai quedar gardado en boas mans”, di a concelleira.
A elección desta árbore non foi casual, ten moito que ver coa presenza das ras da fonte da praza, que hai unhas semanas comezaron a botar auga outra vez e que agora formarán parte activa da historia que nace con esta iniciativa.
Dende o Concello, para que a árbore resulte aínda máis atractiva para a cativada, e coa colaboración da axencia de comunicación Hydra, elaborouse unha historia sobre unha fadiña que ten a súa casa nesta árbore e que será a encargada de recoller os chupetes, gardando así os recordos de cada neno e nena no seu interior.
Para presentar a árbore e coñecer a casa da fadiña, o Concello vén de convidar por carta a todos os pequenos do Concello para que se acheguen o sábado 27 as 17:00 horas ata a praza Benito Rivas, onde se celebrará unha festa-merenda.
Durante a festa, e en colaboración coa Asociación Antonio Gandoy, unha das profesoras que participan no punto de encontro para familias e bebés do Concello de Silleda encargarase de contar a historia da arbore, das ras e, por suposto, da fadiña. As familias poderán participar tamén no obradoiro musical ‘O son que me arrola’, con instrumentos de material de refugallo.
Tamén estará presente no acto a asociación AupaDeza, que terá un posto para dar a coñecer o libro da ‘Bolboreta Arlequina’, e presentarnos a estas bolboretas de características únicas a través da escritura de Rosalía Morlán e as ilustracións de Olalla Guerra.
Para poñerlle fin á festa, as familias poderán desfrutar dunha merenda a base de froita. “Convidamos a todas a familias con pequenos a que asistan a coñecer esta iniciativa, que naceu hai anos en Dinamarca e que se desenvolve xa con grande éxito en moito puntos do planeta”, sinala a concelleira Angela Troitiño.