Silleda, 19 de novembro de 2013. A compañía teatral Malasombra Producións porá en escena o vindeiro luns día 25 a obra Smoke City. A cidade do fume nunha sesión para escolares de Secundaria do municipio de Silleda. A representación, a que foron convidados o alumnado do IES Pintor Colmeiro e do Colexio María Inmaculada, terá lugar no auditorio Manuel Dopazo da Bandeira, ás 13.00 horas.
Trátase dunha proposta didáctica, froito da colaboración entre a Consellería de Sanidade, a Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), e neste caso co Concello de Silleda, a través do departamento de Cultura e Normalización Lingüística.
Smoke City aborda a problemática do tabaquismo, cunha trama que se desenvolve na cidade do fume, o paraíso dos cigarros, dominada polas mafias do tabaco, baixo o mando do pérfido Silvio Nicotini. Alí os cidadáns van caendo nas súas redes ata que aparece en escea un detective, Bob Clenaer, para poñer fin ao ambiente de fumareda e a corrupción. Gánsters, policías, clubes con música e moitas víticas cos pulmóns ennegrecidos polo fume do tabaco, forman parte desta obra do xénero negro.
A obra, escrita por José Luis Prieto e dirixida por Marcos Orsi, está protagonizada por Xoque Carbajal, Alberto Rolán, Josue García e Ramón Orencio.
Con esta proposta, a compañía busca, enviar unha mensaxe a través do medio teatral tentando fuxir dun simple panfleto educativo, concienciando ao público sobre a problemática do tabaquismo e as súas consecuencias a curto prazo e sen renunciar ao humor.
“Consideramos que se trata dunha iniciativa moi interesante, sobre todo para o público máis novo, por abordar a prevención dun mal como é o tabaquismo dende unha perspectiva novidosa”, engade a concelleira de Cultura, Margarita Campos.