A cita, única en Galicia, chega a súa 34 edición con obradoiros de sensibilización, xogos tradicionais e sustentabilidade como eixo temático
Será o domingo 30 no recinto da Saleta en Siador, con actividades dende as 12:00 horas para desfrutar en familia
O vindeiro domingo día 30 de xuño volta ao recinto da Saleta de Siador a Romaría da Rapazada, unha cita única que cumpre 34 anos e que nesta edición da un xiro na súa oferta respecto ás últimas edicións, cunha organización na que tamén estarán as ANPAS do municipio (ANPA Raparigos, ANPA Brincadeira e ANPA Musiquiños) e que apostará por actividades máis sustentables relacionadas ca igualdade, a solidariedade ou o coidado do medio, entre outros.
A xornada, na que tamén colaborarán persoas mozas como voluntarias, dará comezo ás 12:00 horas coa apertura de obradoiros e a celebración de actividades como o contacontos “Xela, a súper heroína de aldea”, a cargo de Inma Soto, unha proposta relacionada coa sensibilización ambiental que chega da man da Fundación Roberto Rivas (12:30h).
Entre os obradoiros tamén figuran os xa clásicos de maquillaxe e tatuaxes temporais, dirixidos por Eduvía, un sobre circo organizado polas ANPAS, ou outro de confección de alas de bolboretas coordinado por Aupa Deza.
Os xogos tradicionais de Sororas tamén amenizarán a mañá no recinto de Siador. Ademais participará a Fundación Museo do Campo, que amosará no recinto un tractor histórico e outros materiais. Dende o Concello tamén se realizarán actividades de sensibilización sobre temas como a igualdade ou a reciclaxe, en consonancia coa elaboración da Axenda2030.
Xa pola tarde, a actividade intensificarase tamén coa participación do CDR Medelo-Cogami, que amosará o traballo que se realiza no centro, ou a estrea da Caravana de Recycling, proposta que coa recuperación de bicicletas usadas tamén aposta por promover a solidariedade e a mobilidade sostible.
Xogos de sempre e carreira de orientación
Non faltarán os xogos de sempre, como o tiro á corda, carreira de sacos ou xogo do pano, así como partidas de brilé. Ás 17:00 horas está previsto que comece a carreira de orientación baixo o lema “O tesouro de Siador”, proba que se desenvolverá nos arredores do recinto saletino.
Máis que Danza e espectáculo final
Xa para rematar a xornada, no anfiteatro celebrarase unha exhibición a cargo do alumnado de ‘Máis que Danza’ e de seguido chegará o espectáculo final, incluido no programa Cultura no Camiño, ca compañía Duende Circo e a proposta “Paiaso total”.
No recinto haberá servizo de bar e estacionamento gratuíto.
Dende o Concello de Silleda agradécese a implicación de todas as persoas voluntarias, entidades participantes e dos Pais Saletinos de Siador na celebración desta cita, que cada último domingo de xuño reúne a centos de persoas na localidade para gozar dunha cita única.
A celebración desta edición foi presentada polas directivas das ANPAS silledenses e as concelleiras de Cultura, Mónica González, e de Educación, Ángela Troitiño.