– A ruada en Parada, o festival infantil de Xirandola, a mostra Dezarte, os concertos das Corais en Carboeiro ou a ruta cabalar de Laro completan unha ampla programación no mes das letras
Silleda. 30-04-2024.- O mes de maio volta a Silleda con diversas propostas culturais que incluén música, literatura, teatro, baile tradicional …con propostas moi diversas para todos os públicos.
Mañá 1 de maio, celébrase a cuarta edición da Festa da carne de vacún á brasa na parroquia de Moalde, que comezará ás 14:00 no campo da festa, organizada pola Asociación de Veciños Vagalume.
O domingo 5 será o turno do musical infantil “La Vaca Lola y sus amigos”, un espectáculo teatro-musical interactivo. Un espazo familiar para a diversión e a pedagoxía que brindará unha experiencia inmersiva no universo da Vaca Lola e as súas amizades, repasando ademais cancións moi populares. Será ás 17:00 no auditorio Semana Verde de Galicia.
O sábado 11 regresa a ruta cabalar de Laro, organizada polo colectivo Cabaleiros de Regadío. Tamén este día a asociación cultural Xirandola vai celebrar o seu festival Infantil de Baile e Música Tradicional no auditorio Manuel Dopazo de Bandeira, no que contará cun grupo convidado.
O domingo 12 pola mañá está programada a camiñata “Flores e letras”, organizada pola asociación SIC Iniciativas Culturais unha andaina que partirá ás 10:00 horas dende a praza Siñor Afranio.
O teatro tamén ten cabida na programación. Así o martes 14, A Cova das Letras representará no auditorio Dopazo “Procúrase Pepa a Loba”, unha actividade coordinada polo CDR Cogami de Medelo.
O luns 13 volve a Mostra de Artes Plásticas da comarca do Deza, Dezarte, ao Centro Cultural Vista Alegre. Tamén neste mesmo espazo vanse facer dúas presentacións literarias, no marco da Semana Cultural de Vista Alegre que continuará ata o venres 16. Entre as presentacións, figuran a estrea literaria de Juan Liñares, o martes día 14 e o día 16 a presentación do volume “Os Balbinos visitan Silleda” de Xoán Carlos García Porral con ilustracións de Gabriel Iglesias Sanmartín, ámbolos dous de de Edicións Fervenza.
O 17 de maio, Día das Letras Galegas, vaise conmemorar cun acto organizado polo Concello. Ás 13:00 horas vaise facer a entrega de premios do concurso de vídeos “Presume de lingua”. Ademais, o 17 pola tarde, o Coro Vales Mahía estará no mosteiro de Carboeiro dando o seu xa tradicional concerto “Voces de Carboeiro”, con varias formacións convidadas.
Luisa Villalta e o violino
O luns día 20, na biblioteca pública municipal Daniel Castelao vai ter lugar un acto centrado na figura de Luísa Villalta, con motivo do Día das Letras Galegas. Trátase dunha actividade realizada a través do programa “Ler conta moito” que dinamiza as bibliotecas públicas municipais, unha narración oral para a cativada baixo o título “Luisa Villalta e o violino”. Ao longo dos próximos días tamén se darán a coñecer outras actividades en relación ca autora a quen se adica este ano do Día das Letras Galegas.
O sábado 25, a música coral volta a Carboeiro. A Coral Polifónica Trasdeza celebrará unha edición moi especial do seu ciclo Tardes de Primavera, que contará como convidada ca prestixiosa intérprete María Berasarte, con raíces en Silleda. Este mesmo día, ás 18:00 comezará a Ruada en Parada, unha festa popular na que se van recorrendo todos os lavadoiros desta parroquia, con moita música, cantos e baile. É unha actividade que organiza a AAVV da Parroquia de Parada.
Teatro e música con Smoke on the water
Para rematar coa programación cultural, o domingo 26, chega ao auditorio Manuel Dopazo “Smoke on the Water” da compañía Ibuprofeno Teatro, unha traxicomedia musical que recibiu o premio Varela Buxán en 2013 e protagonizada por Josito Porto, Belén Constenla, Adrián Ríos, María Costas e Mon Orencio. A cita con esta obra na que tamén é protagonista o rock and roll será ás 19:30 no auditorio Manuel Dopazo de Bandeira. O prezo da entrada é de 10 euros, poñéndose á venda nos vindeiros días.
A concelleira de Cultura de Silleda, Mónica González, convida á veciñanza a participar nas actividades, con propostas moi variadas ao longo de todo o mes, ás que se sumarán tamén actividades de carácter deportivo, ademais de agradecer o traballo dos colectivos e asociacións cos que o Concello colabora nestas actividades.