Silleda, 19 de maio de 2013. A marcha convocada polo Concello de Silleda e os colectivos da localidade de Bandeira congregou hoxe a un cento de persoas para reivindicar a construcción inmediata das sendas de Manduas. A comitiva parteu da praza da Feira da Bandeira e a andaina rematou diante do centro social de Manduas, xunto á igrexa, onde se procedeu á lectura dun manifesto conxunto que foi firmado despois polos representantes dos colectivos asinantes (Avema, Vista Alegre, Banda Recreativa e Cultural da Bandeira, S.D Bandeira, Petanca da Bandeira, Amigos da Empanada, Xirandola, Fortín da Pomba e Asociación dos Xenerais do Entroido).
No citado manifesto, que leu Cristina Costa, veciña da localidade, recollese a perigosidade do tramo, moi transitado por vecinos e vecinos, e o elevado tráfico que rexistra, sobre todo de vehículos pesados procedentes dunha canteira próxima. Tamén se fixo referencia á demanda desta dotación dende hai anos. O manifesto será enviado agora á Xunta, que ten adxudicada a construcción das sendas dentro do proxecto de mellora da estrada Bandeira-Vila de Cruces (PO-204).
O concelleiro de Obras e Servizos, Manuel Cuíña, sinalou que a movilización “é a favor de todos, non en contra de ninguén” para reiterar que esta dotación é “unha obra vital para a parroquia”. A alcaldesa, Paula Fernández , tamén agradeceu ao igual que Cuíña a presenza dos vecinos e veciñas. “Esperemos que este manifesto sirva para que as obras se fagan xa. Esta é a forma na que se constrúe un pobo. Grazas por participar nesta iniciativa, por botarnos unha man, non ao goberno, senon á Bandeira e Silleda”, rematou a alcaldesa.