Hai 10 participantes na categoría individual e outras 8 creacións na colectiva repartidos en diferentes puntos do municipio
Todas as creacións deberán de estar visibles dende o vindeiro domingo
O certame #SilledaFaiNadal arrancará a que é xa a súa quinta edición o vindeiro domingo. Logo de pechar a inscrición no concurso de decoración de Nadal, que se vén celebrando cun notable éxito, este ano haberá un total de 18 creacións no concurso: 10 de carácter individual e outras 8 na categoría colectiva. Algunhas das creacións xa se poden contemplar estes días nas rúas e distintos puntos do rural silledense.
Dende o Concello de Silleda elaboraouse un mapa dixital co percorrido por tódalas creacións dispoñibles que participan no programa #SilledaFaiNadal, entre as que se repartirán máis de 3.000 euros en premios.
O Concello de Silleda convoca novamente este certame a través das concellerías de Cultura e de Comercio, das áreas de Acción Social e Promoción Económica, a fin de promover a creatividade e axudar, ao mesmo tempo, ao comercio e á hostalería local.
Esta proposta dun certame de decoración, que acada xa a quinta edición, busca a participación activa da veciñanza e colectivos para infundir un ambiente propio das datas de Nadal en distintos espazos. Os premios, ao igual que o pasado ano, suman un total de 3.175 euros, consistentes en vales para consumir no comercio e a hostalería silledense.
As decoracións serán visibles dende o exterior, e estarán instaladas, como mínimo, dende este domingo dia 15 de decembro de 2024 ata o 6 de xaneiro de 2025.
Para a elección dos traballos gañadores, as bases volven recoller a figura do xurado e os votos do público a través das redes sociais. Así, ademais dun xurado formado por membros de colectivos que non participen no certame, o voto será ponderado (ao 50%) cos ‘me gusta’ recibidos por cada traballo nas Redes Sociais oficiais do Concello de Silleda. Para iso, as persoas e colectivos participantes deberán de remitir fotografías (un máximo de 3) ao enderezo electrónico comunicacion@silleda.gal
A resolución do concurso comunicarase, de ser posible, ao longo do mes de xaneiro. Con este certame búscase reactivar a economía local ao tempo que se premia a creatividade e orixinalidade das creacións, neste caso ca decoración e motivos de Nadal como protagonistas.