Silleda, 3 de setembro de 2016. O proxecto de irmandamento coa localidade de Canèjan bota a andar a vindeira fin de semana coa visita dunha delegación silledense a este municipio francés, situado na comarca da Gironda, na rexión de Aquitania (distrito de Bourdeaux).
Esta acción enmárcase na solicitude de fondos, a través do Espazo Atlántico para o Centro de Desenvolvemento Agrario, na que Silleda tamén conta co apoio do municipio portugués de Paredes de Coura.
O alcalde, Manuel Cuiña, encabeza o grupo que se desprazará ata Canèjan para unha primeira toma de contacto, antes da formalización do acordo de irmandamento.
O carácter rural das tres localidades, con grande peso da agrogandeiría, e o seu potencial tanto histórico -artístico como natural son algúns dos elementos comúns destas tres localidades, que comparten ademais o seu vertebramento xeográfico en torno aos ríos.
“Con esta visita, logo do convite formulado polo alcalde de Canèjan, manteremos unha primeira toma de contacto para avanzar en actividades e proxectos común”, explica Cuiña.
A visita coincide ademais coa celebración das festas da localidade e do foro de asociacións. Canéjan, con algo máis de 5.000 habitantes conta cunha importante actividade social e cultural, froito da existencia de 60 colectivos.
Dende o Concello de Silleda estase a perfilar o comité de irmandade para perfilar o programa de intercambio, no que se prevé priorizar áreas coma o desenvolvemento rural sostible, cultura e dinamización xuvenil.
“Pensamos que esta experiencia pode ser moi enriquecedora para os silledenses ao contar con distintos frentes de actuación e para a dinamización do noso municipio”, indica o alcalde, lembrando que estes actos de irmandade permiten aos cidadáns descubrir o modo de vida doutros países, debatir, e descubrir novas culturas e linguas.
Ademais, Canèjan conta cunha ampla experiencia no ámbito dos irmandamentos, xa que dende o ano 2003, desenvolve proxectos comúns coa cidade de Poggio Mirteto (Italia), que tamén contará con representación durante a visita dos silledenses.
Nesta primeira toma de contacto avanzarase na proposta de intercambio e concretaránse os temas prioritarios na relación dos dous municipios. Despois o acto de irmandade deberá someterse á aprobación do Pleno antes da súa sinatura.
De xeito paralelo, elaborarase un proxecto para concorrer ao programa europeo “Europa con los ciudadanos”, no que tamén se propón a participación de Paredes de Coura e do municipio italiano de Poggio Mirteto.