Unha vintena de mulleres abren en Silleda o programa Redmur para o fomento do emprego

Silleda, 19 de xaneiro de 2018.  Hoxe deu comezo en Silleda o programa Redmur, a Rede de Emprendimiento e Inserción Sociolaboral para a diversificación de actividades sostibles no Medio Rural, que chega da man da Federación de Asociacións de Mulleres Rurais (Fademur) e o Centro de Desenvolvemento Agrario do Concello de Silleda.

Un total de 20 mulleres participarán nos dous vindeiros meses en distintas sesións co obxectivo de fomentar a empregabilidade e promocionar o empoderamento.

Ademais de informar sobre itinerarios de emprego (autoemprego, creación de cooperativas ou outras fórmulas) tamén se poñen á súa disposición cursos on line gratuitos con máis de 12 modalidades distintas.

Na apertura participaron o alcalde de Silleda, Manuel Cuiña, a presidenta de Fademur Galicia, Rosa Arcos, e a concelleira de Igualde e Benestar Social, Pilar Peón.

A  presidenta de Fademur explicou os obxectivos do programa axuda a mulleres de distintos perfís a adquirir ferramentas e habilidades de cara a procura de emprego, ben por conta allea ou coa posta en marcha de proxectos comúns.

Nestes dous meses daráse formación relacionada co uso das novas tecnoloxías, emprendemento –cómo crear unha empresa, autoemprego, cotizacións-, ofrecerase ás asistentes unha visión ampla para emprender no mercado, e asesoramento personalizado

.

“Queremos que o que fagamos nestes dous meses vos sexa útil para dar resposta ás vosas expectativasl”, indicou Rosa Arcos, que ademais de agradecer a colaboración do Concello incidiu tamén na perspectiva da igualdade e advertiu do éxito de iniciativas similares en localidades como Teirxeiro ou Carballeda de Avia coa creación de cooperativas.  

Pola súa banda Manuel Cuiña agradeceu a Fademur a posta en marcha da iniciativa “    que se suma a outras apostas que estamos a realizar dende o Concello como o Plan de Axuda á Creación do Emprego, polo que xa se outorgaron unha ducia de subvencións a fondo perdido para outros tantos proxectos”, indicou.

Cuiña lembrou que o Centro de Desenvolvemento Agrario xurdiu ademais non só con vocación de reactivar o rural senon tamén de formentar o emprego con novos proxectos “e apoiar iniciativas como estas que poden axudar non só a nivel particular ás usuarias senon tamén a nivel xeral frenando o despoboamento que temos na Galicia rural”, engadiu resaltando ademais o baixo índice de paro do municipio, co menos dun 13% de taxa.