– O percorrido, de aproximadamente 10 quilómetros, transcorre paralelo ao cauce que centra esta exitosa iniciativa, e está previsto que se celebre o 23 de outubro
Silleda, 22 de abril de 2016. Os Concellos de Vila de Cruces e Silleda están a ultimar o roteiro conxunto co que participarán este ano no programa Goza do Ulla. Este roteiro intermunicipal terá como protagonistas dúas parroquias limítrofes que pertencen a cadanseu municipio: a parroquia silledense de Cira e a localidade de Ponte Ledesma en Gres, Vila de Cruces.
Baixo o nome Roteiro da Historia, proponse un percorrido de aproximadamente 10 quilómetros, con unha duración estimada de unhas tres horas e con dificultade baixa. A data de celebración será o vindeiro 23 de outubro.
Tratase dun roteiro lineal que partirá da praia fluvial de Cira, discorrendo polos invernadoiros da súa contorna, facendo un paseo paralelo á ribeira do Ulla, cunha parada na casa natal de Neira Vilas, xa no municipio cruceño, e rematando na histórica Ponte Ledesma, en Gres, para o disfrute das ínsuas e da área de descanso alí habilitada.
O regreso está previsto que se faga en autobús ata o punto de partida.
En próximas datas se abrirá o período de inscrición, que se poderá facer en calquera dos dous concellos, e tamén se publicarán tódolos datos do roteiro na páxina do Faceebook do Goza do Ulla.
O programa Goza do Ulla é unha iniciativa que se ven celebrando dende o ano 2011, data na que participaron os concellos de Santiso, Arzúa, Vedra, Touro, e Boqueixón.
O Concello de Silleda, que linda polo norte co río Ulla durante case dous quilómetros, incorporouse ao grupo dos actuais 19 concellos no ano 2013, empregando, como así o indican as bases de participación, o río como arteria e razón de ser. Sendo que nesta zona o Ulla queda plenamente identificado coa parroquia de Cira, todas as actuacións se enmarcan no seu territorio.
Cira ten entre os seus encantos, o privilexio de ser considerada a Horta do Concello, con moitas explotacións dedicadas aos cultivos de flor e horta, alonxándose do sector predominante no resto do concello, a gandería.
Históricamente, Cira foi coto con xurisdición propia, gobernado polo Conde de Altamira e, xa máis para adiante, no século XIX, lugar de asentamento das tropas de Trasdeza, que na compaña dos veciños limítrofes, loitaron como heroes na defensa de Galicia contra os franceses na Guerra da Independencia, en marzo de 1809.
Se en outras ocasións os roteiros deseñados compartiron manta coa Estrada ou con áreas máis próximas, en esta edición farán camiño cos veciños do Concello de Vila de Cruces, e máis concretamente cos da parroquia de Gres, cuna do falecido Neira Vilas, onde se visitará a súa casa.