Silleda, 1 de xuño de 2017. O alcalde de Silleda, Manuel Cuiña, e o concelleiro e Obras e Servizos, Klaus Brey, visitaron hoxe a planta da firma Biomasa Forestal, situada no polígono de Penapurreira, no municipio de As Pontes. Esta instalación , que combina astilla e pellets, é unha das máis grandes da Península, cunha capacidade de producción de 75.000 toneladas de pellets ao ano. Na visita, estivo presente tamén Ricardo González, o enxeñeiro industrial que está a realizar prácticas no Concello de Silleda a través do convenio co Colexio Oficial de Enxeñeiros de Galicia e que se encargou de deseñar o proxecto da rede de calor para Silleda.
“Con esta visitas queremos seguir coñecendo as potencialidades deste tipo de instalacións de cara a mellorar o proxecto que temos en Silleda e no que temos depositadas moitas esperanzas”, indica o alcalde sobre a iniciativa presentada á convocatoria de subvencións para redes de distribución de enerxía térmica con equipos de xeración de biomasa un ambicioso e novidoso proxecto.
O proxecto presentado dende Silleda busca crear un rede de calor "District Heating" no entorno da zona deportiva da vila de Silleda, coa que subministrar calefacción e auga quente sanitaria a varios edificios conectados mediante tuberías preaisladas.
Dende unha central de producción, prevese conectar nunha primeira fase o pavillón polideportivo, o campo de fútbol de Outeiriño, a piscina municipal, a Escola Infantil A Galiña Azul e tamén o Hotel Vía Argentum.
Un dos puntos fortes da iniciativa ten como obxectivo a piscina municipal, xa que mediante esta rede de calor se podería climatizar a auga “o que nos permitiría contar servizo de piscina durante todo o ano en Silleda, incorporando despois outras infraestructuras necesarias como unha cuberta para protexer ou abrir este espazo dependendo da época do ano”, sinala o alcalde, Manuel Cuiña.
O proxecto presentado ten un orzamento que supera os 800.000 euros.
“É un proxecto ambicioso que culmina a aposta deste Concello por enerxías limpas que vimos realizando nos últimos anos coa dotación de caldeiras de biomasa en edificios municipais ou placas fotovoltáicas, entre outros”, explica o alcalde lembrando as potencialidades neste tipo de instalacións en canto ao aforro económico, a reducción de emisión contaminante e a creación de postos de traballo.