A concelleira de Benestar, Ángela Troitiño,e o presidente de Afapo, José Manuel Fontenla, estiveron hoxe nas sesións, que farán un parón estival a finais de mes
O Programa de Intervención Integral de atención a Persoas con Alzhéimer e outras demencias e familias coidadoras, que se vén realizando en Silleda dende o 2014, finalizará a finais deste mes as sesións na Casa da Xuventude. Esta iniciativa retomarase despois do verán, no mes de setembro, como xa é habitual.
A concelleira de Benestar, Ángela Troitiño e o presidente de Afapo, José Manuel Fontenla, visitaron esta mañá os obradoiros de terapia ocupacional e estimulación cognitiva, que se están a celebrar dende febreiro, coa participación de 29 persoas.
As sesións celebraranse todos os martes e xoves de 10:15 a 13:30 –en dúas quendas- nas instalacións da Casa da Xuventude. Estes obradoiros están impartidos por persoal de Afapo e buscan previr a aparición de demencias.
O Concello de Silleda renovou este ano o convenio coa Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer de Pontevedra (Afapo), á que se aportan máis de 20.000 euros para atender ás persoas afectadas pola enfermidade e as súas familias.
“Dende o Concello de Silleda levamos xa 9 anos traballando neste programa con Afapo e implementando os recursos para axudar sobre todo a previr a aparición de demencias”, indica a concelleira de Benestar.