Volta o programa de recollida de plásticos de silos e invernadoiros

 

Silleda, 26 de xaneiro de 2013. A Concellería  do Medio Rural e Medio Ambiente, que dirixe Antonio Couso, pon de novo en marcha o programa de recollida de plásticos agrícolas, de silos e invernadoiros. Ao igual que en anteriores ocasións, os gandeiros e agricultores que soliciten a retirada destes materiais deberán de chamar ao Concello (986 580000), indicando os seus datos persoais e o lugar de recollida. Os avisos para participar neste servizo recolleranse ata o vindeiro día 13 de febreiro.

Nestes días iranse colocando nas parroquias avisos informativos explicando o funcionamento do servizo. Unha vez que se ordene a relación de solicitudes, a recollida por zonas e parroquias realizarase a partir do día 18 de febreiro.

Dende a Concellería de Medio Ambiente Antonio Couso incide na necesidade de que os interesados en que se lles retires os plásticos agrícolas chamen no prazo previsto, “para así poder organizar mellor a recollida”.

Do mesmo xeito, lémbrase aos gandeiros e agricultores que deben de cumplir certas normas para facilitar a recollida. Así, os plásticos deben de estar dobrados e empacados da mellor maneira. Ademais, pídese que os plásticos teñan a menor suciedade posible (de terra, herba, outras materias orgánicas…) así como que vaian misturados con outras materias impropias (tuvos de PVC, garrafas, sacos..) que poden dificultar os traballos de reciclaxe e o tratamento final de recuperación dos plásticos para novos uso. Nestes casos a recollida será rexeitada.

Servizo estable e recollida de neumáticos

Logo deste programa, tal e como xa se avanzara en días pasados, o municipio de Silleda contará cun servizo estable para a retirada dos plásticos agrícolas, unha das melloras acadadas logo das negociacións coa empresa xestora dos residuos. Así, a recollida no rural realizarase unha ou dúas veces ao mes, en función da demanda. “Despois desta recollida xeral, os usuarios terán á súa disposición durante todo o ano este servizo, co que así evitamos tamén que estes residuos se vaian acumulando”, indica Couso.

Outras das melloras logradas é a estrea dun servizo para a recollida de neumáticos. Neste caso, os solicitantes deben abonar o custe da reciclaxe ( o transporte é gratuito). Sería de 1,30 euros/ por unidade, para rodas de turismos; 2,10 euros para os de furgoneta; e 7,25 euros por cada roda de camión ou tractor. Despois de febreiro, unha vez rematada a campaña xeral de plásticos, os que desexen acollerse a este servizo poden chamar ao Concello. Cando se realice esta recollida de rodas tamén se aproveitará para levar os cartóns e embalaxes das explotacións. “Ademais de chamar para a recollida de plásticos, os gandeiros tamén poden dar aviso para que lle retiren as rodas e o papel-cartón”, sinala o concelleiro, que destaca que esta ampliación do servizo supón grandes melloras para o tratamento axeitados dos residuos.