Silleda, 9 de xuño de 2017. O cartel das obras do Centro de Día e Residencia de Maiores está xa colocado na parcela onde se construirá o edificio dotacional, xunto ao recinto feiral de Silleda. A empresa Coviastec Silleda construirá o edificio cun total de 59 prazas residenciais e outras 20 de centro de día, cunha inversión total de 3,8 millóns de euros.
Nos vindeiros días abrirase o centro de traballo para dar inicio aos traballos. A obra deberá de estar rematada nun prazo de ano e medio dende que comecen os traballos.
Esta é unha das actuacións máis agardadas no municipio de Silleda. Ubicarase na parcela municipal, con máis de 8.000 metros cadrados de superficie, onde o alumnado do Obradoiro de Emprego Semente de Pedra xa realizou as tarefas de axardinamento da que será a zona de esparcimento do centro, coa creación de varias terrazas e unha área de horta en bancais.