Silleda, 23 de outubro de 2014. O punto deportivo xuvenil do Parque Municipal das Pedrosas está xa instalado e operativo. Esta dotación, que tivo un custe de 14.000 euros e conta cunha subvención do 40% dos fondos Leader, completa a oferta de lecer e deporte neste recinto da vila.
Trátase dun circuito para a práctica de actividades físicas ao aire libre, que inclúe diversos elementos e mobiliario acordes co entorno natural no que se instalará. Así, o circuito conta coa dotación de 10 elementos, a maioría deles en madeira, respetando o entorno das Pedrosas.
O circuito ximnástico parte dunha zona de descanso con innovadores elementos e conta con elementos diversos para practicar distintas actividades e exercicio físico. Tirolina, escalada, bancos para abdominais, ou rocódromo con corda son algunhas das novas propostas do parque silledense.
Un recinto único
“Con esta novidosa e orixinal instalación queremos mellorar a oferta de ocio e deportiva para a mocidade silledense nunha zona moi frecuentada por mozos e mozas”, apunta o alcalde, Manuel Cuiña. Co punto deportivo xuvenil continúase ampliando o radio de idade na oferta para os usuarios, xa que o propio recinto conta cun parque infantil, un circuito biosaudable para os maiores e agora outro atractivo máis para a mocidade.
“Con esta nova dotación este parque municipal convírtese nun enclave único, como zona de esparcemento para as familias, con opción de ocio para nenos, mozos e maiores”, indica o alcalde. O entorno é tamén moi visitado por veciños e veciñas que a diario realizan paseos polo entorno desta carballeira, que suma un novo aliciente.