A estrada nacional córtase con motivo das Festas de Verán dende este venres pola tarde ata a madrugada do luns 26
Coa chegada das Festas de Verán, o Concello de Silleda informa á cidadanía que a estrada N-525 ao seu paso pola localidade da Bandeira pecharase ao tráfico un ano máis. O corte terá lugar desde este venres 23 de agosto a partir das 16:00 horas e continuará ata a madrugada do luns 26 de agosto.
O Ministerio de Transportes e Mobilidade aceptou a solicitude do Concello para efectuar este corte, unha medida que se considera crucial para garantir a seguridade de todos os asistentes debido á gran afluencia de persoas durante as festas.
Prohibición de parada e estacionamento
Durante este período, estará prohibido parar e aparcar en todas as rúas afectadas polo desvío, que inclúen o primeiro tramo de Fernando Penoucos, a rúa do Parque e o tramo de Ramón de Valenzuela, dende a rúa do Parque ata o enlace coa estrada nacional). Solicitamos a colaboración de todos para respectar as sinalizacións de tráfico e garantir que as festas transcorran sen problemas.
Ademais dos bandos informativos colocados por toda a vila, que xa se instalaron a semana pasada, tamén se colocarán novos avisos para recordar a prohibición de estacionamento durante as tres xornadas. Nas próximas horas procederase á retirada dos colectores de lixo para evitar obstáculos ou vehículos no beiravía.
Restricións de circulación e estacionamento
A partir do mércores 21 de agosto, tamén se establecerán restricións na circulación e estacionamento en varias rúas:
- Rúa Camilo José Cela: prohibido estacionar e circular desde o mércores 21 ás 10:00 horas ata o venres 23 ás 14:00 horas.
- Rúa Agro do Valo: prohibido estacionar e circular o xoves 22 desde as 11:00 horas ata as 22:00 horas.
- Rúa da Empanada: prohibido estacionar e circular, ata o cruce con rúa Lavadoiro, durante o sábado 24 e domingo 25.
- Rúa Lourás: prohibido estacionar e circular desde o venres 23 ás 16:00 horas ata o luns 26.
Dende o Concello de Silleda traballamos en estreita colaboración coa Asociación Amigos da Festa da Empanada da Bandeira, que organiza o evento, para coordinar o operativo de seguridade e a montaxe das celebracións, destacando a Festa da Empanada o sábado 24 como unha das actividades principais.
Zonas de estacionamento alternativas
Durante as festas habilitaranse dúas zonas de estacionamento alternativas:
- Fronte ao Centro Cultural Vista Alegre, con acceso dende a rúa Xeral.
- Na rúa Maceira Boa.
Agradecemos a colaboración de todos os veciños e visitantes para facer destas festas un evento seguro e agradable para todos.