O goberno municipal de Silleda rematará a finais deste mes a rolda de visitas ás parroquias do rural, iniciada o 27 de febreiro. Esta tarde estarán en Piñeiro e para a semana en Martixe-Ansemil, Carboeiro e Margaride. Rellas e Chapa serán as últimas deste ano en ter reunións.
O obxectivo destas xuntanzas é explicar as liñas de acción do goberno e informar á veciñanza sobre diferentes cuestións de interese coma o cambio de luminarias LED ou os servizos municipais (Liña Verde, Silleda Sostible, Silleda Activa …). Estas visitas tamén serven para escoitar suxerencias, peticións e posibles incidencias que solucionar, ademais de resolver dúbidas. “Queremos ter un contacto máis directo coa cidadanía, buscando a súa implicación na acción municipal”, indica a alcaldesa, Paula Fernández.
Por outra banda, cabe destacar as actuacións nos accesos a diferentes parroquias (Moalde, Refoxos ou Manduas) e recentemente anunciado o investimento no proxecto de mellora de viais en Saídres, Laro e Breixa. Ao mesmo tempo, o equipo de vías e obras continúa a realizar obras de reparación en distintas vías do rural, dende que a mediados de abril se incorporarán novas persoas como operarias contratadas a través da liña 3 do programa Máis Provincia da Deputación de Pontevedra.