O programa do Nadal Solidario de Silleda rematou o pasado día 4 cun balance moi satisfactorio. A iniciativa, posta en marcha polo programa municipal Silleda Solidaria comezou o pasado día 30 de novembro, co concertó de Santa Icía na Bandeira e rematou o sábado 4 de xaneiro, cun total de seis actividades.
En total recadáronse 632,19 euros. A cita na que se acadou unha maior doazón foi a última, no concerto de Ano Novo , celebrado o pasado día 4 de xaneiro na Bandeira. A recadación, que será entregada á ONG Unicef e que irá destinada ás persoas damnificadas polo tifón de Filipinas foi de 361,79 euros.
A cantidade restante, un total de 270,40 euros, empregouse dende o programa municipal Silleda Solidaria no abono (previa factura) de alimentos, produtos de hixiene, xoguetes e outros produtos básicos que precisan as familias con menos recursos do municipio, xestionándose esta compra dende os Servizos Sociais, que coordinan o programa.
No concerto de Santa Icía da Bandeira recadáronse 129,55 euros; no concerto de Nadal da Coral Polifónica Trasdeza 38,10 euros; no triangular de fútbol biberón 60,40 euros (ademais de recollerse unha grande cantidade de xoguetes e alimentos); no Concerto de Nadal da Banda Municipal de Silleda 17,90 euros e na audición da Escola de Música de Silleda 24,45 euros.
O alcalde, Manuel Cuíña, amosa o seu agradecemento a todas as persoas que colaboraron realizando aportacións nas últimas semanas. “Pese a que estamos en época de crise, os veciños e veciñas de Silleda siguen amosando a súa xenerosidade para axudar ás familias que están a pasar por momentos difíciles”, engade.
Grazas a esta iniciativa, dende os Servizos Sociais tratouse de facilitar ás familias usuarias recursos para facer máis levadeiras as datas do Nadal.
O programa Silleda Solidaria púxose en marcha no outono de 2012, como unha rede de axuda que ten por principar obxectivo axudar ás familias con poucos recursos, funcionando ademais de xeito bilateral, coa colaboración de asociacións e colectivos, e sempre baixo a supervisión dos servizos sociais.
Así, ademais de solicitar a colaboración do tecido asociativo na procura de recursos, tamén se busca detectar novos casos de xente que precise axuda e xestionar outros que procedan tanto de colectivos como de particulares ou empresas. Na web municipal e tamén a través de mensaxes a móbiles vanse canalizando os avisos sobre recursos dos que se dispón e outros que se precisan, no banner específico de Silleda Solidaria.
O Banco de Alimentos, o roupeiro municipal, libros de texto e material escolar, mobles e outros enseres ou o centro de acollida temporal que se habilitará na estación ferroviaria de Ponte Taboada, son algunhas das liñas de actuación do programa municipal.
Do mesmo xeito, dende Silleda Solidaria quere agradecerse a colaboración dos supermercados de Silleda e da Bandeira e dos seus clientes que colaboran durante todo o ano coa iniciativa.