CONVOCADA UNHA NOVA EDICIÓN CO CONCURSO DE CÓMIC DA BIBLIOTECA, BAIXO O LEMA IMAXINA A TUA VILA

Silleda, 20 de febreiro de 2019.  A Concellería de Educación de Silleda, que dirixe Pili Peón, vén de convocar o IV Concurso de Cómic da Biblioteca Pública Municipal Daniel Castelao.

Este ano o certame ten como lema “Imaxina a túa vila” e a dotación económica dos premios volverá ser de 1.200 euros. As bases xa poden consultarse dende hoxe na web municipal www.silleda.gal,  tanto no apartado de Novas como no banner de Educación e Mocidade.

Poderá participar de xeito individual ou por parellas o alumnado dos centros de ensino do Concello de Silleda, de Educación Primaria e Secundaria (ESO).

O prazo para presentar os traballos remata o vindeiro día 1 de abril . Os premios distribúense en asignacións económicas (para as excursións de fin de curso, entendendo 6º de Primaria e 4º da ESO) e material didáctico e novas tecnoloxías. Establécense dúas categorías (para Primaria e Secundaria) con tres premios en cada unha delas, ao mellor cómic, mellor argumento e mellor ilustración.

Así, o mellor cómic terá un premio de 150 euros máis un smartwatch para cada un do autor ou autores do traballo;  os premiados polo mellor argumento levarán un premio de 75 euros máis material escolar para cada un dos participantes e a mellor ilustración outros 75 euros máis un lote de cómics para os gañadores/as.

A obra será orixinal, en branco e negro ou cor, realizada con técnica libre e en lingua galega. Deberá de presentarse en formato DIN A-3, dobrado pola metade para obter 4 páxinas.

Os traballos de banda deseñada deben de presentarse no Rexistro Xeral do Concello de Silleda, -aberto de luns a venres de 09:00 a 14:00 horas- , nun sobre pechado que irá acompañado da folla de inscrición (dispoñible tamén na web). Neste documento debe figurar o título do traballo, nome do autor/a ou autores/as, curso ao que pertencen e nome do centro de ensino.

Todas as obras participantes formarán parte dunha exposición na Casa da Cultura de Silleda.

O xurado estará formado por persoas vencelladas á Biblioteca, ao mundo da cultura local, e por un/ha técnico/a da Concellería de Educación.

“Logo do éxito das dúas convocatorias anteriores volvemos apostar por este certame para apoiar o fomento da creatividade entre o alumnado e ao mesmo tempo incentivar a súa participación para lograr fondos de cara ás excursións de fin de curso”, sinala a concelleira de Educación, Pili Peón. O pasado ano –co lema da auga – presentáronse máis de 40 traballos cunha gran calidade, dobrando en número aos da edición anterior.

BASES CONCURSO COMIC BIBLIOTECA 2019