O director Javier Calvo elixe Silleda para rodar parte da película ‘Cariñena, vino del mar’

O filme, producido por Varykino Films, está baseado na novela autobiográfica de Antón Castro, o escritor e xornalista nado en Galicia que foi premio Nacional de Periodismo Cultural

Despois de rodar en varios puntos de Aragón, a parte galega estase a gravar en territorio silledense, en puntos como Taboada e Carboeiro

 

 

O municipio de Silleda está a acoller estes días a rodaxe da película “Cariñena, vino del mar”, dirixida polo cineasta zaragozano Javier Calvo e producida por Varykino Films.

Trátase dun drama ambientado na década dos 70, baseado na novela homónima autobiográfica do escritor Antón Castro (Arteixo, 1959), premio Nacional de Xornalismo Cultural en 2013, na que narra a súa experiencia vital na España da transición.

Despois da rodaxe en varios puntos de Aragón, a parte correspondente á Galicia natal de Castro estase a rodar en territorio silledense, en localizacións como o entorno do mosteiro de Carboeiro, a ponte e a igrexa da parroquia de Taboada, ou as instalación da empresa Autocares Cuiña.

No reparto figuran actores e actrices como  Diego Garisa, Alejandro Bordanove, a coñecida Itziar Miranda, Nacho Rubio, Blanca Laínez, Alba Martínez, Ricardo Joven, Paco Paricio e Javier Aranda,  entre outros.

O director destaca que é unha  “road movie de iniciación na que camiñan de forma paralela a transición dun país ca da vida adulta dun mozo inxenuo e inexperto que aspira a converterse en escritor”, destaca Calvo. Nesta historia autobiográfica do autor, afincado en terras aragonesas, fálase do fulgor e da luz da mocidade, cando todo é posible.

O proxecto recibiu ademais o premio ao guión de Largometraxe Santa Isabel de Aragón, outorgado pola Deputación de Zaragoza.

A alcaldesa de Silleda, Paula Fernández Pena, e a concelleira de Cultura e Turismo, Mónica González, visitaron este venres 26 de xullo ao equipo de rodaxe en Taboada, onde sinalaron que este proxecto cinematográfico vén a destacar e poñer en valor, unha vez máis, o patrimonio e natureza de Silleda, onde se teñen rodado diversas películas e series nos últimos anos.