O Concello de Silleda organiza o día 24 unha reunión informativa para impulsar a comunidade enerxética local

Da xuntanza sairá o grupo tractor que constituirá a asociación que dará soporte xurídico á comunidade enerxética de Silleda

O encontro terá lugar o xoves 24 de outubro ás 20.30 horas no salón de actos do Concello

A comunidade enerxética permitiralle á veciñanza reducir a súa factura da luz e contribuír ao consumo sostible

 

 

O vindeiro xoves 24 de outubro, ás 20.30 horas, celebrarase unha reunión informativa no salón de actos do Concello de Silleda para dar a coñecer á veciñanza a creación da comunidade enerxética local. Da xuntanza, organizada polo Concello de Silleda e coordinada pola Universidade de Vigo a través do proxecto EC4RURAL, sairá o grupo tractor que terá a responsabilidade de constituír a asociación que lle dará soporte xurídico á comunidade.

O encontro ten como obxectivo explicar o funcionamento das comunidades enerxéticas e como estas poden contribuír ao aforro enerxético e ao uso sostible de recursos renovables. O programa da reunión inclúe unha introdución á situación enerxética de Silleda, a explicación de como se pode producir enerxía de forma colectiva e as posibles formas xurídicas para facelo. Así mesmo, invitarase á veciñanza a formar parte da futura comunidade enerxética de Silleda.

A comunidade enerxética local, unha iniciativa sen ánimo de lucro, proxecta a instalación de paneis fotovoltaicos no municipio, co obxectivo de xerar enerxía solar que permitirá aos membros da comunidade aforrar na súa factura da luz. As persoas interesadas en participar ou obter máis información poden contactar co Concello de Silleda ou a través dos correos electrónicos dispoñibles: info.ec4rural@uvigo.gal e alcaldia@silleda.gal.

A reunión estará coordinada por representantes do proxecto EC4RURAL da Universidade de Vigo, que  busca fomentar a creación de comunidades enerxéticas nos municipios rurais e conta para tal fin con financiamento da Unión Europea. Colaboran nesta iniciativa EspazoCoop e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).