A xornada, gratuíta e aberta ao público, desenvolverase entre as 16.00 e as 20.00 horas
Ofreceranse pautas para as persoas coidadoras e información sobre recursos dispoñibles
O centro social dos maiores de Silleda acollerá o xoves 28 de novembro unha sesión informativa sobre o alzhéimer, aberta a todas as persoas que queiran asistir. A sesión enmárcase no proxecto Alzhéimer de Preto, iniciativa da Federación Atlántica de Asociacións de Familiares de Persoas con Alzhéimer (Fadeal) que está a percorrer os concellos pontevedreses co financiamento da Deputación de Pontevedra.
A sesión formativa, de 4 horas de duración e que se desenvolverá entre as catro e as oito da tarde, constará de dúas partes, unha sanitaria e outra social. Aberta ao público en xeral, está dirixida preferentemente a aquelas persoas que padecen alzhéimer nunha fase moi temperá, a persoas coidadoras e a familiares de persoas con demencia.
Trátase, dacordo co proxecto Alzhéimer de Preto, de ofrecerlle aos asistentes unha primeira aproximación á enfermidade e á súa evolución, recomendarlles pautas para facilitarlle o día a día ás persoas coidadoras e informar sobre os recursos dispoñibles.
En concreto, nas dúas horas nas que se aborde a área sanitaria falarase do diagnóstico, de factores de alarma, de pautas de comportamento, de tratamentos farmacolóxicos e de avances en investigación. Os contidos da área social abranguen os tratamentos non farmacolóxicos, así como os recursos sociais, xurídicos e de apoio psicolóxico.
Hai que recordar que só na provincia de Pontevedra hai arredor de 18.700 persoas que padecen alzhéimer ou outro tipo de demencia dexenerativa e que son doenzas que afectan tamén á contorna sociofamiliar do doente ao precisar dunha atención continua.