O parque canino de Silleda reabre as súas portas cunha festa para mascotas e familias o sábado 16 de novembro

 

O Concello de Silleda anuncia a reapertura do parque canino situado na antiga zona do campo de golf, un espazo que se converteu en punto de encontro para as familias e as súas mascotas.

Tras varias semanas de peche e logo de rematar as  melloras, como a instalación dunha dobre porta de seguridade e dunha fonte de auga, o parque volve estar dispoñible cunha xornada festiva cargada de actividades para o goce da veciñanza

O evento terá lugar o vindeiro  sábado 16 de novembro, a partir das 16.30 horas, e incluirá unha programación de demostracións e obradoiros abertos tanto ás persoas usuarias habituais do parque como a quen queira achegarse a participar da xornada.

O programa de actividades comezará ás  16.30h coa  Exhibición de habilidades caninas das famosas cadelas Lúa e Kia,  coñecidas polas súas intervencións en distintos medios de comunicación , que  sorprenderán ao público con trucos únicos, como andar en monopatín.

Estas cadelas da raza Border Collie,  de 12 anos e medio  e 8 anos, respectivamente, son propiedade de Serafín López, veciño do Concello da Estrada. A súa admiración polas habilidades caninas nos concursos de exhibición levouno a formarse neste modalidade de adestramento unha vez xubilado. Leva  adestrando  con Lúa dende que era unha  cachorra, e a Kia,  dende os  14 meses.

De seguido,  ás  17.30h,  realizarase  o Obradoiro  de adestramento e coidados de cachorros, impartido por Tony Lanzó. Este silledense,  portorriqueño de nacemento e galego de corazón, é un dos referentes en España para os apaixonados dos cans. A súa afección por estes animais converteuse en profesión  sendo o iniciador  do adestramento de cans en Galicia alá polo ano 1976. Na década dos 90 comezou a colaborar coa Semana Verde  e dende  1994 foi o responsable de coordinar eventos caninos ou ecuestres no recinto da Feira Internacional de Galicia.

Haberá outras actividades complementarias como un Espazo fotográfico, con elementos divertidos para familias  e mascotas: posto de produtos para mascotas,  e un mercadiño solidario a cargo do colectivo Bigotes de Lalín, que tamén colabora xunto a 4 cadeliños, de A Estrada.

Estas actividades complementarias estarán coordinadas por Joselyne  Orosa, auxiliar de veterinaria, veciña de Bandeira, voluntaria nas colonias felinas e unha amante dos animais, por profesión e vocación.

O Concello de Silleda agradece a Serafín López, Tony Lanzó  e a Joselyne Orosa, así como ás outras entidades participantes,  a  súa colaboración na organización deste evento, pensado para gozar en familia e reforzar o compromiso co benestar animal. Unha xornada festiva para persoas e mascotas que marca un novo comezo para este espazo único no municipio.