Con esta veciña de Carboeiro, gañadora de tres premios Mestre Mateo, péchase a primeira edición do programa de Igualdade
A xornalista Mónica Ares Gómez vén de ser nomeada (IN)Visible de decembro, mes no que se conmemora o Día Internacional da Curtametraxe. A efeméride celebrarase concretamente o vindeiro sábado, día 21.
Mónica Ares, licenciada en Xornalismo na primeira promoción da Facultade de Ciencias da Información de Santiago, pecha a primeira edición de (IN)Visible, programa da Concellería de Igualdade de Silleda, que baixo o lema Doce meses, doce mulleres pretende visibilizar a pegada e o legado das mulleres na sociedade silledense.
Nada en Silleda e criada en Carboeiro de Francia, Mónica traballou axudando os seus pais, Digna e Manolo, nas labores do agro, dende ben pequeniña ata ben entrada a súa etapa universitaria.
Estudou EXB no Colexio Público de Silleda e, posteriormente BUP e COU, no Ramón María Aller Ulloa de Lalín.
Empezou a súa vida laboral facendo prácticas na radio e garda moi bo recordo deses tempos na SER, onde aprendeu moito, para pasar logo á televisión, onde tivo a sorte de empezar de redactora no programa Tardes con Ana (Gestmusic).
Mónica foi directora de programas para a TVG e en varias produtoras. Entre os que recorda con máis cariño está Galegos no Mundo, da produtora Portocabo (Rapa, Hierro), a quen sempre estará moi agradecida porque non lle daría a vida enteira nin os cartos para coñecer o mundo que coñeceu se non fose traballando.
A xornalista silledense gañou tres premios Mestre Mateo. “O que máis feliz me facía, máis ca recibir un par de Mestres Mateo pola realización do programa, é que a miña nai podía dar unha volta a través das historias dos e das galegas que estaban fóra sen saír da casa, dende a cama, onde a vía a TV mentres mantivo a súa memoria. Era a única maneira que tiña de viaxar porque dedicou a vida enteira a coidar de vacas, do sogro, da sogra, dos fillos e do marido, ademais, claro, da casa. O normal, vaia”, comenta sobre a súa nai, pola que interrompeu durante un par de anos a súa carreira cando estaba dirixindo outros programas como Oh happy Day ou O País máis grande do Mundo (tamén de Portocabo) para dedicarse ao seu coidado.
Volveu momentaneamente para dirixir programas que a fixeron moi feliz como Polo Rego e Cos Pés na Terra (Filmax), revivindo un pouco a súa infancia en Carboeiro.
Pero logo chegou outro impás na súa profesión no audiovisual cando tivo que atender o seu pai, xa viúvo, para intentar buscarlle os mellores coidados posibles na súa casa. E cando atopou a xente axeitada volveu ao seu, agora cun traballo máis relacionado coa comunicación.
Mónica continúa conectada con Silleda e coa terra, e sempre agradecida ás persoas que lle permitiron saír dela “para quen sabe se un día volver”.
Con ela péchase este primeiro ciclo de (IN)Visible, iniciativa que se abría en xaneiro con Nieves Taboada, a muller máis lonxeva do municipio, con 106 anos, e que continuou con Flavia Fondevila (doutora en Biomedicina); a artista Marisa Miguélez; a física Clara Otero; a escritora María José Montero; a música Irene Fuentes; a educadura social e cooperativista Erea Viz; a fotógrafa Pilar Abades; a maestra Sara Asunción Fernández, e a emprendedora rural Virginia Colmeiro.