(IN)VISIBLES: DOCE MESES, DOCE MULLERES

Programa de Igualdade para visibilizar a pegada e o legado que deixaron e deixan as mulleres na sociedade silledense.

Con esta iniciativa preténdese poñer en valor a historia vital de doce mulleres silledenses, unha por cada mes do ano, creando así tamén referentes para a poboación máis nova.

OUTUBRO 2024: Virginia Colmeiro

Neste mes de outubro, coincidindo ademais o día 15 coa celebración do Día Internacional da Muller Rural, presentamos a Virginia Colmeiro, emprendedora no rural co proxecto O Remanso de Trasfontao.

Virginia Colmeiro Pérez, natural da Bandeira e nacida en novembro de 1990, é un exemplo de compromiso co rural e emprendemento sostible.

Filla de Fernando e Gloria, pertencente aos Colmeiro de Bazar e neta do Dulceiro da Moa, pasou a súa infancia e xuventude na Bandeira.

Tras obter a diplomatura en Educación Social en Santiago e completar a súa formación en Valencia coa licenciatura en Criminoloxía entre 2011 e 2013, Virginia regresou ao rural en xuño de 2013, dándose conta de que a cidade non era o seu lugar de desenvolvemento profesional. O seu interese por unha vida máis próxima á xente e ao contacto directo coas persoas levouna a abrir en maio de 2015, xunto coa súa parella Juan, un albergue de peregrinos en Trasfontao, aproveitando o paso do Camiño de Santiago.

O éxito deste proxecto, que combinaba a súa paixón polo contacto social e a vida no rural, consolidouse cando en 2019 ampliaron as instalacións rehabilitando unha antiga casa familiar. Nese mesmo ano, abriron tamén a Burbulla Carballo, unha habitación única que puxo en marcha novas estancias para satisfacer a demanda crecente de visitantes que buscaban non só unha parada no Camiño, senón estancias máis longas de desconexión e tranquilidade no corazón de Galicia.

Na actualidade, Virginia compaxina a xestión do Remanso de Trasfontao coa crianza das súas dúas fillas, Xoana e Lara. Para ela, vivir no rural e manter un proxecto sostible permítelle unha conciliación familiar real, ofrecendo ás súas fillas un estilo de vida en contacto coa natureza. Ademais, o seu traballo foi recoñecido en revistas como Desarrollo Rural y Sostenible, Harpers Bazaar e Revista Viajar, así como en programas de televisión autonómicos e nacionais.

Virginia e a súa familia tamén colaboran con iniciativas do Concello, aportando patrocinio e visibilidade a eventos e a asociacións locais. O seu exemplo reflicte o potencial do rural como espazo para proxectos innovadores e sostibles, capaces de atraer a visitantes de todo o mundo e promover un estilo de vida en harmonía coa natureza.

SETEMBRO 2024: Dona Sara

Neste mes de setembro, coincidindo co inicio do curso escolar, presentamos a dona Sara, mestra centenaria.

Dona Sara, María Sara Asunción Fernández Blanco

Dona Sara, cuxo nome completo é María Sara Asunción Fernández Blanco, naceu en setembro de 1923 na parroquia de Carmoega, lugar da Devesa, pertencente ao concello de Agolada. Filla de Manuel e Asunción, foi a maior de catro irmáns. Desde moi pequena, tivo a sorte de estar vinculada ao ensino grazas á súa nai, que exercía como mestra na parroquia lalinense de Cangas, onde dona Sara asistiu á escola xunto cos seus irmáns.

O amor polo ensino levouna a seguir os pasos maternos, converténdose tamén en Mestra Nacional de Primeira Ensinanza. Ao longo da súa extensa carreira profesional, exerceu en múltiples escolas unitarias esparexidas por Agolada, Lalín e Vila de Cruces, ata que, finalmente, fixo raíz en Silleda. Neste municipio, deu clases primeiro en Siador e concluíu a súa traxectoria educativa no Colexio Público de Silleda.

Dona Sara garda con moito cariño os recordos das moitas nenas e nenos cos que compartiu horas de estudo e traballo. Estes, hoxe adultos, mantéñenlle o mesmo agarimo que ela sempre sentiu por eles. Ademais, lembra con afecto as súas compañeiras e compañeiros de profesión, con quen compartiu momentos duros pero tamén cheos de esperanza por un futuro mellor para as xeracións vindeiras.

Como tantas mulleres do seu tempo, dona Sara tivo que compaxinar o exercicio da súa profesión como mestra coas responsabilidades do fogar. Foron tempos difíciles, pero ela sempre mantivo a esperanza de que, grazas ao seu traballo, as xeracións futuras poderían gozar dun mundo mellor. E, ao seu ver, moitas cousas cambiaron para ben.

A día de hoxe, dona Sara quere expresar o seu profundo agradecemento á veciñanza de Silleda pola acollida e consideración que sempre lle brindaron, axudando a ela e á súa familia a facer máis levadía a vida. Agora, aos seus 101 anos, dona Sara quere que todo o pobo saiba do seu sincero recoñecemento e afecto.

Ao longo da súa vida, foi testemuña de grandes cambios no ensino e na sociedade, e a súa figura, (in)visible durante moito tempo, hoxe emerxe como un símbolo de todas as mestras que, como ela, loitaron por un futuro mellor desde a discreción e o esforzo diario.

 

AGOSTO 2024: Pilar Abades

Para conmemorar o Día Internacional da Fotografía, presentamos a Pilar Abades, fotógrafa e integrante da cooperativa Illa Bufarda.

Pilar Abades. Fotógrafa. (in)Visibles agosto 2024Pilar Abades nace en 1985 en Lamela, lugar onde sempre atopou inspiración e referentes para os seus proxectos fotográficos e audiovisuais.

Conmovida pola obra fotográfica de Sally Man e empurrada pola curiosidade que a cámara e os álbumes familiares despertaban nela, ten claro dende a adolescencia que quere estudar fotografía.

En 2005 comeza a súa carreira profesional titulándose primeiro como Técnica Superior en Imaxe na CIFP de Imaxe e Son da Coruña e logo licenciándose en Comunicación Audiovisual polas Universidades de Santiago de Compostela e de Vigo.

Na universidade forxa, con mestres e compañeiras, relacións que serán chave para o seu posterior desenvolvemento laboral. Chega a traballar de 2009 a 2012 como investigadora e deseñadora de exposicións no Arquivo Pacheco de Vigo. Neste contexto, publica o seu primeiro artigo na Revista Grial xunto con Pablo Prado, no que investigan arredor da fotografía postmorten.

Posteriormente, abre o seu propio estudo de fotografía na casa familiar de Lamela, convencida que dende o rural é posible o traballo creativo. Nestes anos, forma parte do equipo editorial da revista fotográfica Caleidoscópica e participa en diversas exposicións colectivas. Ao tempo, segue a formarse en dixitalización do patrimonio, na análise e crítica artística e comeza na USC o Mestrado de Profesorado de Educación Secundaria Obrigatoria e Bacharelato na especialidade de Artes Plásticas.

En 2019 entra a formar parte da cooperativa Illa Bufarda, fundada en 2012 por Sabela Iglesias e Adriana P. Villanueva, onde realiza labores de fotografía, audiovisual, deseño, animación, comunicación e formación en todas estas áreas. Recentemente a empresa vén de recibir o Premio á Excelencia Empresarial de Innovación e Comercialización de produtos e servizos culturais. O filme documental Negro Púrpura, no que asina como directora de fotografía, é un dos traballos con máis proxección da produtora. Actualmente, pode verse en Filmin.

Logo destes 15 anos de traxectoria profesional está convencida do poder transformador da linguaxe fotográfica e audiovisual para seguir a traballar en materia de lingua, xénero e identidade.

 

XULLO 2024: Erea Viz Callejas

Para conmemorar o Día das Cooperativas, presentamos a Erea Viz Callejas, socia da cooperativa Amarelas.

“Somos cooperativa porque a vida das persoas debe de estar no centro”, di Erea Viz (Santiago, 1988)

Erea criouse en Silleda desfrutando do entorno natural (os castros de Toiriz, a fervenza do Toxa, …) e das actividades culturais do pobo (Romaría do Rapaz, Escola de Teatro Marisa Soto…).

A súa inquedanza polas relacións entre as persoas foi medrando e gradúase en Educación Social pola Universidade de Santiago. En paralelo fórmase e traballa no eido do lecer con diferentes colectivos.

Sempre co foco posto nas dinámicas locais e a súa repercursión nas persoas, cursa máster en Estratexias Territoriais e Ambientais no Ámbito local pola Universidade de Huelva. Un par de anos despois participa no Programa ICI da Obra Social La Caixa e a Fundación El Patio, en San Bartolomé (Lanzarote), que contaba co asesoramento técnico de Marco Marchioni e supuxo un modelo innovador na interveción social de cara a construción dunha convivencia cidadá.

Este camiño, e moi influenciada polo océano atlántico, fai que siga viaxando ata que entendeu que a terriña é onde quere estar. Regresa a Silleda e cursa master en Turismo Sostible e TIC pola Universidade Oberta de Catalunya.

No 2018 constitúe en Silleda Amarelas S. Coop. Galega, xunto coa súa socia Cris González, co obxectivo de poñer en valor o patrimonio galego a través dun turismo sostible. Dende aquelas traballa en concellos rurais deseñando dinámicas de desenvolvemento local que colocan ás persoas no centro e benefician ás comunidades anfitrionas.

Fai apenas un mes Amarelas ven de ser premiada no programa BICOGAL da Fundación Roberto Rivas, por unha nova liña de acción Ben Estar, na que valoraron a innovación, sustentabilidade e impacto potencial na diversificación dos usos do monte.

XUÑO 2024: Irene Fuentes Castiñeira

Para conmemorar o Día da Música, presentamos a Irene Fuentes Castiñeira. 

Nace en Baio, Zas, e vive na parroquia de Negreiros dende o ano 2005.

Dende o ano 1994 é compoñente da Banda de Música Municipal de Silleda como clarinetista formando parte da directiva da agrupación durante máis de 10 anos.

No ano 1999 comeza a impartir clases de gaita na Escola de Música de Silleda sendo a primeira mestra en impartir esta especialidade.

Formou parte dos grupos de música folck “Lumberna” e “Linho do cuco”, co cal gravou o seu primeiro disco.

Colaborou con agrupacións do concello como “O Son da Fervenza” e “Aires do Trasdeza” así como coa “Banda de Gaitas do Concello de Forcarei”, e a miúdo, é convidada a participar en distintos actos culturais onde interpreta pezas tradicionais coa gaita.

No ano 2019, Abraham Cupeiro convídaa a colaborar na grabación do seu segundo disco “Pangea” interpretando coa gaita o tema “Costa Atlántica”.

É diplomada en Educación Musical pola Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostela e forma parte do claustro de mestras e mestres do Ceip Cabada Vázquez de Codeseda (A Estrada).

 

MAIO 2024: María José Montero Núñez

Para conmemorar o Día das Letras Galegas, presentamos a María José Montero Núñez.

Nace en Ocastro – Silleda. Pontevedra o 19 de marzo de 1957. Dende 1976 reside no Bierzo – León, no pobo de Villadepalos.

Como dinamizadora cultural, creou e dirixiu durante dez anos o grupo de teatro «Vagalume» e coordinou o equipo de redacción da revista «Vagalume», de cuxa Asociación é a Presidenta.

Actuou nunha curtametraxe en colaboración coa Escola de Cinema de Ponferrada.

A súa preocupación polos temas sociais mereceu a súa inclusión no libro «Dama», no que se homenaxea a 25 mulleres bercianas. Precursora do movemento asociacinista berciano, colaborou con Asociacións sen Ánimo de Lucro.

Durante oito anos foi concelleira do Concello de Carracedelo creando a Escola Municipal de Gaitas, entre outros moitos proxectos.

É autora de catro libros de poemas editados en castelán: “Paisaje íntimo”, “Voces que al nacer se mueren”, “Eterna marejada” e “De nuevo en el camino”. Un de relatos curtos recentemente publicado é “Relatos y sentimientos otoñales”.

En prosa escribiu «Rabuñando no recordo», libro de relatos en galego, a súa lingua materna. En galego e en poesía coa temática da infancia ten «Bolboretas e raiolas», aínda inédito e prologado por Xosé Neira Vilas, un dos escritores galegos de maior éxito e recentemente falecido. 

María José Montero está incluída nunha trintena de antoloxías poéticas, nacionais e internacionais. Prologou varios libros e colaborou con prensa e radio, así como con varias revistas literarias. Ten concedidos varios premios.

Recentemente un dos seus microrrelatos foi seleccionado para aparecer publicado nunha Antoloxía de escritores de fala hispana.

Formou parte do xurado do concurso de poesía Alma do Campo, no que participan poetas españois e iberoamericanos.

O grupo de Poesía Lírica, Tu Voz, nomeouna Socia de Honra, en recoñecemento á súa traxectoria literaria e á súa colaboración.

Un dos seus microrrelatos, acaba de ser seleccionado para formar parte da Antoloxía «Micro terrores».

Dous dos seus poemas aparecen na II Antoloxía POETAS DEL MUNDO, publicada no pasado mes de marzo.

Actualmente traballa na elaboración dun novo libro de anécdotas divertidas que sucederon no Bierzo e na Comarca de Trasdeza, a súa terra natal da que é portavoz onde queira que vaia.

 

ABRIL 2024: Clara Otero Pérez

Para conmemorar o Día Internacional das Nenas nas TIC, presentamos a Clara Otero Pérez.

Natural de Silleda, Clara é Directora Senior en NXP, unha das maiores empresas globais de semiconductores que deseña e produce chips para o mundo do automóbil, a industria e os móbiles.

Como responsable de innovación e marketing de produtos electrónicos para vehículos eléctricos, Clara viaxa polo mundo visitando os departamentos de investigación dos maiores fabricantes de automóbiles e se relaciona con diferentes universidades e centros de investigación.

Licenciada en Física pola Universidade de Santiago en 1998, Clara comezou a traballar no prestixioso Laboratorio de Investigación de Philips nos Países Baixos, desenvolvendo microprocesadores para televisores dixitais.

De investigadora pasou a xefa do laboratorio de innovación de sistemas de NXP onde traballou na introdución da tecnoloxída NFC e seguridade nos teléfonos de Google e Apple, a tecnoloxía que nos permite pagar cos teléfonos.

Nos últimos 10 anos, Clara foi unha impulsora líder detrás da estratexia de sistemas de NXP e o foco pasou ás tecnoloxías claves para facer os coches máis seguros (o radar e a intelixencia artificial), eficientes (sistemas de xestión de batería, mellora dos motores eléctricos) e conectados (sistemas de arranque sen chave, conexión segura á nube).

Tamén ocupa postos de liderazgo na xestión do sitio de Eindhoven (onde traballan 1000 empregados) e como membra da xunta directiva Women In NXP, loitando pola diversidade e inclusividade no mundo empresarial.

No persoal, Clara ten unha familia multicultural, con 5 fillos e parella italiana cos que lle encanta visitar Galicia, perderse polos Dolomitas e navegar.


MARZO 2024: Marisa Miguélez Núñez

Para conmemorar o Día Internacional da Muller presentamos a Marisa Miguélez, pintora e poeta silledense.

Natural de Silleda.

Dende moi pequena debuxaba. Conta que, a unha idade temperá, foi unha das súas profesoras do parvulario quen prendeu a mecha desta afección. «A miña mestra pintaba na pizarra con tizas de cores. Aquelo para min era moi chamativo, quedaba mirando pra ela, vendo que facía. Foi unha das personas que máis influíu na miña vida pictórica».

Foi alumna do profesor Francisco López Carballo en Santiago, aínda que ela considérase autodidacta. Comeza a pintar algún cadro pero non é ata 1971, ao emigrar a Suíza, onde pasa 1 ano e medio, cando de verdade empeza a inspiración desta artista.

Da morriña inmensa á súa terra galega nacerán moitos dos seus poemas que despois cobrarán forma nalgunha das súas obras pictóricas. A maioría son un canto á maternidade, á natureza e á vida.

Xa de volta en Galicia exerce o maxisterio ata a súa xubilación no 2013.

Compaxina o seu traballo coa pintura, a escultura e os coidados familiares dos seus 6 fillos que, indudablemente, obrigárona a realizar algún breve parón no seu prolífico traballo.

Comeza a súa obra pintando paisaxes, despois flores e comeza máis tarde, pouco a pouco, coas figuras humanas. As súas modelos foron as paisanas que traballaban no campo pero as súas verdadeiras musas teñen que ver coas mulleres da súa familia, especialmente as súas avoas e a súa nai, mulleres valentes que a marcaron.

Gústalle pintar a alegría, os sorrisos e as miradas. As cores dos seus cadros din moito do momento vital no que se atopa.

Expuxo en Suíza, Francia, Austria, Italia, Portugal, España, EE. UU., México pero como ela mesma di: “onde mellor se ve a obra dun artista é no seu estudio”.

 

FEBREIRO 2024: Flavia Fondevila Pena


Para conmemorar o Día da Muller e da Nena na Ciencia presentamos a Flavia Fondevila Pena, Doutora en Biomedicina e Ciencias da Saúde.

27 de decembro de 1994. Silleda.

Pasa a súa infancia en Silleda e tras rematar o Bacharelato de Ciencias con Matrícula de Honor, decide estudar o Grao en Biotecnoloxía, para o cal se traslada á Universidade de León.

Ao graduarse, o seu interese polo ámbito da investigación científica seguiu incrementándose, estando especialmente interesada no campo da investigación biomédica. Así, continuou coa realización do Máster Universitario en Innovación en Ciencias Biomédicas e da Saúde, obtendo o Premio Extraordinario de Fin de Máster por ser o mellor expediente académico.

No 2017 comeza a súa carreira como investigadora cando o Ministerio de Educación, Cultura e Deporte de España lle outorga unha beca para levar a cabo a Tese de Doutoramento no Instituto de Biomedicina da Universidade de León (IBIOMED). Mentres desenvolve a Tese, tamén exerce como Persoal Docente e Investigador do Departamento de Ciencias Biomédicas, e realiza unha estancia de investigación internacional na University Hospital of Basel (Basilea, Suiza).

No 2022, despois de duros anos de traballo, que requiren indubidablemente dunha gran paixón, motivación, esforzo e perseveranza, acada o título de Doutora en Biomedicina e Ciencias da Saúde pola Universidade de León, con mención de Doutoramento Internacional e máxima cualificación de sobresaínte cum laude.

“Aínda que o camiño non é nada sinxelo, a satisfacción de converterse en Doutora despois de duros anos de traballo e, sobre todo, a satisfacción de poder contribuír á sociedade co teu pequeniño gran de area a través da investigación científico-biomédica, prevalece sobre todo o demais” di Flavia.

Dende 2023 ocupa o posto de Responsable de Asuntos Regulatorios en PlenOptika. Esta empresa tecnolóxica con sede en Madrid e Boston, tivo as súas raíces no Massachusetts Institute of Technology (MIT; en Massachusetts, EE. UU.), e adícase á innovación no ámbito da visión e á fabricación de produtos sanitarios.

 

XANEIRO 2024: Nieves Esther Taboada Estévez


Abre o programa Nieves Esther Taboada Estévez, a muller máis lonxeva de Silleda que tivo a honra de inaugurar a nova casa consistorial, xunto coa veciña máis pequena do municipio naquel momento.

25 de outubro de 1918. Cóscaros, Siador.

Na casa de Xan nace unha meniña, a máis nova de tres irmáns. Nieves é o nome elexido para ela.

Nun fogar marcado pola diáspora, aos sete anos queda ao coidado da súa avoa e o seu avó cando os seus proxenitores emigran a Cuba. Sete anos despois retornan pero a alegría da volta vese ensombrecida pola marcha do seu irmán máis vello, que decide emigrar a Buenos Aires. Nunca se volveron a ver.

Casou con Manuel Rozas. Os seus sogros eran caseiros na casa grande de Covas: cun sorriso lembra as filloadas rodeada de familia. Non tiveron fillos pero como ela di “a quen Deus non lle dá fillos o Demo dálle sobriños”.

Xunto co seu home traballou arreo na terra e co gando. Nieves é unha muller labrega: forte, con carácter, vital, agarimosa, risueña, moi faladeira e resiliente. Sempre asumiu o coidado da súa familia.

Traballadora e autónoma, aos 102 anos aínda segaba coa gadaña e vivía soa na súa casa. Hoxe con 105 anos aínda le o xornal sin lentes, calceta todos os días e nunca perde o sorriso.

O seu relato é una fonte de inspiración e unha lección de vida que invita a reflexionar sobre a dureza da vida das mulleres. Ela non o sabe, pero a súa testemuña é un tributo a todas as mulleres rurais da súa época, mulleres que desempeñaron papeis fundamentais nas familias. O segredo: traballo, determinación e esforzo.