O Concello de Silleda remata unha semana antes do previsto os traballos de desbroce de verán en vías asfaltadas

Silleda, 22 de agosto de 2025. O Concello de Silleda vén de concluír, cunha semana de antelación, os traballos de desbroce de reforzo de verán correspondentes a este ano. As actuacións, que deron comezo o pasado 15 de xuño e tiñan como prazo final o 30 de agosto , abrangueron a limpeza de máis de 650 quilómetros nas vías asfaltadas de titularidade municipal, unha rede moi extensa que require un importante esforzo de planificación e execución.

Este ano, por primeira vez, unha única empresa foi a encargada de executar o contrato en todo o municipio, o que permitiu maior coordinación, rapidez e eficiencia. O contrato ascendeu a 91.155,35 euros (IVE incluído) e contemplou tamén melloras en espazos destinados a eventos parroquiais e aparcadoiros, como o solar cedido pola Sareb en Trasdeza, o campo de cans en Silleda, o espazo da Festa da Empanada na Bandeira e as zonas da Romaría do Rapaz e da Saleta en Siador.

Na última semana, os traballos realizáronse ademais con tractores equipados con medios de extinción propios, reforzando así as medidas de seguridade nun período de alto risco de incendios.

A alcaldía subliña que, pese á extensa rede viaria municipal, os traballos puideron completarse en tempo récord. “Estamos moi satisfeitos porque logramos rematar incluso antes do previsto, o que amosa a boa planificación e o nivel de execución acadado. A veciñanza está a recoñecer o resultado, tanto pola rapidez como pola calidade do traballo feito”, sinala.

O Concello lembra que este contrato se centraba unicamente en vías asfaltadas, polo que agora serán os servizos municipais os que continúen co plan de limpeza nas pistas forestais e nas vías non asfaltadas, ademais de manter as actuacións periódicas de desbroce nos campos de festa das distintas parroquias.