O Concello de Silleda adxudica tres novas obras de mellora viaria nas parroquias de Piñeiro, Abades e Manduas

Os traballos, cun investimento conxunto de máis de 206.000 euros, comezarán nas vindeiras semanas

Silleda, 27 de agosto  de 2025.- O Concello de Silleda vén de adxudicar tres novas obras de mellora viaria nas parroquias de Piñeiro, Abades e Manduas, cun investimento global de máis de 206.000 euros. As actuacións financiaranse con cargo ao crédito extraordinario de 1.750.000 euros aprobado por unanimidade da corporación municipal no pasado pleno.

Os proxectos foron redactados polo enxeñeiro Emilio Quintáns Pérez, da empresa Imbolc IT, e foron adxudicados á empresa Taboada y Ramos S.L. Os traballos darán comezo nas vindeiras semanas, unha vez aprobado o correspondente plan de seguridade e saúde.

Na parroquia de Piñeiro, os traballos desenvolveranse nos lugares de O Campo, Besteiros e Cuiña, cunha lonxitude total de aproximadamente 1,9 quilómetros repartidos en 7 ramais.

En canto á parroquia de Abades, nesta intervención actuarase nos lugares de A Bouza e Bazar, ao longo de 700 metros. Inclúe, ademais, a preparación dunha subbase de zahorra nun ramal de 235 metros.

A terceira actuación terá lugar na parroquia de Manduas, no lugar de Bravíl, e cunha lonxitude aproximada de 600 metros, actuando en dous ramais desta localidade.

En todos os casos, os traballos inclúen limpeza de cunetas, rega asfáltica de adherencia e pavimentación con formigón bituminoso en quente. Como mellora ofertada pola empresa adxudicataria, inclúese tamén a regularización previa da base e a instalación de elementos de suxeición de aceiro para os colectores de lixo.

Obras en marcha e outras licitacións en viarios

A dia de hoxe, no marco deste proxecto, xa foron executadas as obras de Toxa e Toiriz (Silleda); Costela (Margaride); Rellas e todo o núcleo de Xestoso.

Ademais, están en proceso de avaliación por parte dos servizos técnicos as ofertas para contratar as obras nas parroquias de Cira, Dornelas, Chapa  e Ponte.

Con estas actuacións, o Concello continúa coa súa programación de melloras na rede viaria municipal, dando resposta ás demandas veciñais e contribuíndo a mellorar a seguridade e accesibilidade nos núcleos rurais do municipio.