O Concello de Silleda pon a punto as marquesiñas das rutas de autobús para o comezo do curso escolar

 

Silleda, 28 de agosto de 2025 . O Concello de Silleda vén de iniciar a posta a punto das marquesiñas polas que discorren as distintas rutas do transporte escolar.

Persoal municipal do departamento de Obras e Servizos varios do Concello de Silleda  está xa a realizar  labores de limpeza e adecentamento das marquesiñas das distintas paradas das liñas de transporte escolar. Os traballos incluén tamén o desbroce dos seus arredores para telas preparadas de cara ao próximo curso escolar.

Este departamento municipal estase encargando de revisar e acondicionar tanto as marquesiñas coma a zona de herba que hai máis próxima co obxectivo de poñer a punto estes lugares onde o bus recolle ás persoas usuarias dos tres centros públicos do municipio: o CEIP Ramón de Valenzuela da Bandeira, o CEIP Plurilingüe de Silleda e o IES Plurilingüe Pintor Colmeiro.

“Nos vindeiros días continuaremos con estas actuacións”, indica a concelleira de Educación, Ángela Troitiño.

Traballos de mantemento e patio cuberto en Silleda

Por outra banda, tamén se están a realizar por parte do departamento de Obras traballos de mantemento nos dous CEIP do municipio, que continuarán durante a próxima semana.

No caso do CEIP Plurilíngüe de Silleda, dende o Concello de Silleda agradécese á Consellería de Educación a realización das obras do patio cuberto, que xa se están a executar e que completará a superficie cuberta da entrada ao edificio principal deste centro.

Nas últimas semanas remataron tamén os traballos de pintado exterior na Escola Infantil A Galiña Azul, onde queda por realizar a dotación dun novo patio ao aire libre logo da cesión de parte do patio do CEIP.