Aberto o prazo para solicitar formar parte do Consello Municipal da Muller de Silleda

Silleda, 2 de outubro de 2025. O Concello de Silleda abrirá mañá venres día 3  o prazo para solicitar formar parte como vogal no Consello Municipal da Muller, recentemente creado como órgano de participación cidadá en materia de igualdade efectiva entre mulleres e homes e tamén en relación co colectivo LGTBIQ+.

O prazo de presentación de solicitudes será de 15 días naturais, entre o 3 e o 17 de outubro. A tramitación poderá realizarse tanto de forma presencial —acudindo ao Rexistro Xeral — ou de xeito telemático, remitindo por sede electrónica o formulario dispoñible na web municipal.

O Pleno da Corporación aprobou o pasado 30 de maio de 2025 a creación deste Consello, así como a aprobación inicial do seu Regulamento de funcionamento interno. Nel establécese que poderán formar parte como vogais representantes dos grupos políticos municipais, asociacións vinculadas á igualdade de xénero, colectivos do ámbito educativo, sindical, sanitario, social ou profesional, ademais de entidades que traballen con grupos vulnerables e representación das Forzas e Corpos de Seguridade; así como profesionais ou persoas con experiencia relevante en materia de igualdade e diversidade de xénero, que acheguen o seu coñecemento técnico ou especializado aos debates e accións do Consello, tras manifestar o seu interese en participar.

A concelleira de Igualdade, Ángela Troitiño, animou a todas as entidades e persoas interesadas a presentar a súa solicitude.

“O Consello Municipal da Muller será un espazo plural, participativo e aberto, no que se debatan propostas, se impulsen accións e se promova a igualdade real. Queremos que sexa unha ferramenta útil para avanzar cara a unha sociedade máis xusta e inclusiva, onde todas as voces teñan cabida”.

Así mesmo, dende o departamento convídase  especialmente ás asociacións, colectivos e profesionais do municipio a formar parte deste órgano, “porque a súa experiencia e coñecemento serán fundamentais para construír políticas municipais que respondan ás necesidades reais da cidadanía”, engade Troitiño.

Reunión constitutiva o 29 de outubro

A primeira reunión constitutiva do Consello Municipal da Muller de Silleda terá lugar o mércores 29 de outubro ás 18:00 horas no Salón de Plenos da Casa do Concello. A continuación pode descargarse o documento de solicitude: