O Concello de Silleda conta xa co anteproxecto da piscina climatizada

 

  • O Concello ven de recibir o anteproxecto por valor de máis de 3.4 millons de euros para a construcción do novo complexo deportivo, pensado como un edificio ecosostenible, inteligente y plenamente accesible.

Silleda 4 de outubro de 2025.- O Concello de Silleda conta xa co anteproxecto da piscina municipal climatizada, unha das infraestruturas máis demandadas pola veciñanza e que suporá un investimento de 3,4 millóns de euros.

O futuro complexo deportivo levantarase na parcela municipal onde se sitúa xa a planta de producción  da  rede de calor,  e estará concebido como un edificio ecosostible e intelixente, xa que aproveitará os recursos caloríficos da rede e permitirá o uso en horarios amplos a través dun sistema de control electrónico de accesos.

O proxecto, perfectamente adaptado á topografía do terreo, prevé un edificio de dous niveis. Na planta principal situaranse as salas de adestramento, os espazos deportivos e o vaso da piscina, mentres que no nivel inferior se ubicarán os cuartos técnicos e de instalacións, para garantir a máxima eficiencia térmica. Trátase dunha instalación plenamente accesible e cun deseño flexible que se adapta á diversidade de usuarios e horarios, coa posibilidade de autoxestión en función das necesidades.

O anteproxecto recolle unha lámina de auga de 530 metros cadrados con seis rúas. Ademais da piscina, o recinto complétase con  dúas salas de actividades dirixidas de 38 e 122 metros cadrados respectivamente, unha sala de fitness-cardio de 227 metros cadrados, ademais de vestiarios, zonas de circulación e centro de transformación.

En total, a superficie útil da planta principal será de 1.371 metros cadrados, con 1.487 construídos, mentres que a planta soterrada, destinada a instalacións, contará con 162 metros cadrados útiles e 193 construídos.

No exterior prevese a creación de zonas de acceso, aparcadoiro e espazos verdes, así como unha plataforma preparada para acoller no futuro unha pista multideporte, un centro BTT, un skate park  e un pumptrack.

Desde o goberno municipal lembran que o anteproxecto se dimensionou a partir dos resultados da enquisa desenvolvida nos últimos meses,  dos estudos de referencia sobre instalacións en localidades con características demográficas similares e da enquisa do Consello Superior de Deportes sobre hábitos deportivos. “Este proxecto elaborouse en función das necesidades reais da nosa veciñanza e atendendo ás mellores opcións técnicas e económicas dispoñibles”, sinala a alcaldesa.

A rexedora subliña que “esta piscina municipal climatizada é unha infraestrutura histórica para Silleda, un compromiso que comeza a facerse realidade e que situará ao noso municipio nun novo nivel en canto a servizos públicos, deporte e saúde”. Engade ademais que “o complexo será un espazo de referencia, pensado para todas as idades, cunha aposta clara pola accesibilidade, a sustentabilidade e a eficiencia enerxética”.

En relación á súa execución, o Concello traballa en que o proxecto se desenvolva baixo un modelo de concesión público-privada, co obxectivo de garantir a viabilidade económica tanto da construción como do mantemento a longo prazo.

“Queremos  un modelo de xestión que manteña a titularidade pública da piscina pero que, ao mesmo tempo, non supoña unha carga insostible para as arcas municipais. Existen numerosos exemplos de concellos con piscinas climatizadas que resultan deficitarias, e non podemos permitirnos repetir ese erro nin xerar unha infraestrutura máis que non sexa viable a longo prazo” di a alcaldesa.

Dende o gobernó local indícase que neste momento, os técnicos están xa a supervisar os pregos administrativos para poder lanzar a contratación o antes posible.  Ao mesmo tempo, o Concello porá en marcha unha campaña informativa para dar a  coñecer de primeira man esta infraestructura.