Silleda contratará a 7 persoas como operarias no Concello a través do programa Máis Provincia

 O Concello de Silleda contará cun total de 7 persoas como novas operarias por un periodo de 9 meses. Esta contratación levarase a cabo a través da  Liña 3 do programa Máis Provincia,  da Deputación de Pontevedra, organismo que vén financiando nos últimos anos esta iniciativa de contratación, no marco da loita contra o desemprego.

Para este exercicio, a oferta inclúe 1 praza de condutor/a e a contratación doutras 6 persoas como operarios/as para distintos departamentos,  para a realización de tarefas vinculadas ao plan de conservación e funcionamento de bens e servizos municipais do ano en curso.

Estes foron os postos solicitados polo Concello de Silleda a través deste plan dentro da chamada liña 3. Este persoal, outorgado a todos os Concellos da provincia de Pontevedra  de menos de 50.000 habitantes, dedicarase no caso de Silleda ao desenvolvemento dun plan obras e servizos nos vindeiros meses.

A selección  realizarase  ao igual que se vén facendo nos últimos anos a través do Servizo Galego de Colocación, (Oficina de Emprego), que enviará aos candidatos/as para realizar despois no Concello un concurso de méritos e  entrevistas. Estes contratos laborais serán a tempo completo, de 37,5 horas semanais.

Unha vez remitida a través da Oficina de Emprego a lista de persoas candidatas, procederase a realización das probas estipuladas nas bases.

Dende o goberno municipal destácase que un ano máis Silleda volve contar con personal a través deste programa, unha medida que ademais de contribuir a creación de emprego no municipio tamén vén a mellorar a prestación de servizos á veciñanza.