O Concello de Silleda inaugurou esta tarde a exposición permanente dunha serie de obras do pintor silledense José Antonio Fondevila, que pasan a formar parte do patrimonio municipal tras a sinatura oficial do acordo de doazón das pezas por parte do artista.
O acto, celebrado na Casa Consistorial, converteuse nunha homenaxe á traxectoria, á coherencia creativa e á xenerosidade do autor, que decidiu finalmente doar un total de once obras —unha máis das inicialmente previstas— nun xesto que foi amplamente recoñecido durante a inauguración.
A concelleira de Cultura, Mónica González, abriu o acto destacando o carácter especialmente emotivo da xornada, subliñando que “hoxe non estamos só inaugurando unha exposición; estamos celebrando un acto de xenerosidade, de identidade e tamén de memoria compartida”.
A edil puxo en valor a traxectoria de Fondevila, lembrando que “non é só un artista cunha intensa carreira que xa chegou ao ámbito internacional, senón tamén un dos nosos”. Neste sentido, recordou a súa etapa como traballador municipal, “cunha vocación intachable de servizo público, ao tempo que construía en silencio unha obra artística profunda, reflexiva e sorprendente”.
Mónica González salientou tamén a autenticidade da súa pintura, “unha obra que non responde a modas nin a etiquetas, que nace da reflexión, do silencio e da observación.
Pola súa banda, a alcaldesa, Paula Fernández Pena, destacou o impacto emocional que supuxo a instalación das obras no edificio consistorial, sinalando que “o Concello, que tantas veces vemos como un lugar de xestión e trámites, transformouse de repente nun espazo cheo de vida, de luz e de cor”.
A rexedora puxo o foco na xenerosidade do artista, cualificando a doazón como “un regalo de enorme valor artístico, pero tamén persoal e emocional, que pasa a ser patrimonio de todas e todos os silledenses”.
Fernández Pena subliñou que esta incorporación ao patrimonio municipal permitirá conservar e difundir estas pezas para as xeracións futuras: “hoxe recibímolas con alegría, pero dentro de vinte, trinta ou corenta anos serán recibidas con admiración, porque xa formarán parte da historia deste Concello”.
O acto incluíu a sinatura oficial do documento de doazón, polo que as obras son xa parte do patrimonio cultural municipal. “Estas obras de arte son xa do pobo de Silleda”, afirmou a alcaldesa, que entregou ao autor unha réplica do rosetón de Carboeiro, “outro emblema de Silleda que tamén nos vén de regalar outro momento histórico pola volta a Galicia das dúas pezas expoliadas”, indicou.
Pechou o acto o propio José Antonio Fondevila, que agradeceu o recoñecemento e explicou que esta doazón nace dun sentimento profundo de pertenza e gratitude cara á súa terra. O artista amosouse emocionado por poder compartir coa veciñanza unha parte esencial do seu percorrido vital e creativo. O propio Fondevila guiou un percorrido polas obras, a disposición do público no primeiro andar do edificio consistorial.
A exposición permanecerá de forma permanente nas dependencias da Casa do Concello e completarase nos próximos días coa elaboración dun catálogo que permitirá interpretar e coñecer en profundidade a obra exposta.
