Desenvolverase en dúas fases, a primeira con financiamento garantido e unha segunda fase cunha carteira técnica preparada para captar novos fondos
Silleda, 24 de febreiro de 2026.- O Concello de Silleda pon en marcha o Plan de Viarios Municipais 2026-2027 cun investimento global que supera os 2,6 millóns de euros e cunha planificación estruturada en dúas grandes fases: unha primeira con financiamento xa asegurado e proxectos listos para iniciar obras, e unha segunda que integra actuacións en fase avanzada de redacción técnica para incorporarse progresivamente segundo se obteñan novos recursos.
A primeira fase, que supera os 1,48 millóns de euros, conta con financiamento garantido a través de recursos propios municipais, do Plan Camiña Rural da Xunta e do Plan +Provincia da Deputación. Os proxectos están redactados e preparados para a súa execución inmediata.
Nesta fase acometeranse melloras en Mourelos na parroquia de Silleda, Meixomence na parroquia de Ponte, Recimil e os seus accesos en Fiestras, Pedrouzo en Graba, así como actuacións en Soldecasa, Sar e no núcleo de Cumbraos en Escuadro. Tamén se actuará no vial que conecta Ouzande e Alfonsiños en Cervaña, en Santa Cristina na parroquia de Lamela, en Manduas e no acceso ao centro social entre Martixe e Ansemil, ademais de en Outeiro na parroquia de Breixa e nos lugares de O Castro de Breixa e O Ribeirao en Breixa-Negreiros. A maiores, executarase o asfaltado en Vilavella, no Castro, na pista entre Camporrapado e Segade en Cortegada e acometeranse as reparacións nos accesos ao Santuario de Siador.
Especial relevancia terá tamén a intervención na saída da autopista en Lamela, que o Concello asumirá ante a falta de execución por parte do Ministerio competente malia o compromiso previo adquirido. “Se outras administracións non actúan cando está en xogo a seguridade viaria, este Concello dará un paso adiante”, afirma a alcaldesa, Paula Fernández Pena.
Co obxectivo de evitar atrasos como os sufridos na anualidade 2025, os proxectos organizáronse en función das autorizacións sectoriais necesarias, permitindo que as actuacións que non dependen de tramitacións externas poidan executarse sen quedar bloqueadas por expedientes alleos á administración local.
Segunda fase xa en redacción
A segunda fase integra actuacións que xa se atopan en redacción de anteproxectos ou con levantamento topográfico realizado, configurando unha carteira técnica superior aos 1,2 millóns de euros preparada para activarse de maneira progresiva. Nesta planificación inclúense novos accesos a vivendas en Margaride, O Souto en Graba, Senra e Barreiro-A Cabana en Escuadro, Lis en Moalde, Xubín en Cortegada e Vilanova e Marza en Oleiros, así como intervencións na parroquia de Silleda, concretamente nos viarios de Fonte de Abaixo e Camiño dos Castros, o núcleo de Fonteboa, o vial que vai dende Outeiro a Mourelos e o vial do Foxo de Abaixo, ademais das actuacións xa topografiadas na pista Tras do Estilo en Chapa, na zona de Tras Campo da Festa no Castro, na Pista da Panadería en Taboada, nos accesos en Parada, en Castromonde (Piñeiro) e nos accesos en Laro.
Este novo plan dá continuidade a un mandato no que xa se actuou en na practica totalidade das parroquias do municipio. Nos últimos anos executáronse obras en Abades, Ansemil, Breixa, Cervaña, Chapa, Cortegada, Dornelas, Escuadro, Fiestras, Graba, Lamela, Laro, Manduas, Martixe, Moalde, Oleiros, Ponte, Piñeiro, Parada, Refoxos, Rellas, Siador, Silleda e Xestoso, garantindo un equilibrio territorial real e un investimento sostido no conxunto do rural.
“O importante é que temos planificación real. Hai obras listas para empezar e proxectos preparados para non perder nin unha convocatoria”, subliña Fernández Pena.
O goberno municipal lembra que o investimento total en viarios ao longo do mandato se achegará aos seis millóns de euros, consolidando unha estratexia baseada na previsión técnica, na captación de fondos e na garantía de que cada novo recurso dispoñible se converta en melloras reais para a veciñanza de Silleda.
A alcaldesa di que “somos plenamente conscientes de que aínda quedan pistas por incluír e de que tamén é necesario comezar a renovar actuacións executadas hai dez ou quince anos, que polo paso do tempo e o desgaste precisan unha nova intervención”, pero recorda que tamén é importante que a veciñanza sepa que o concello ten máis de 1.400 quilómetros de camiños e pistas municipais,” e o custo medio de asfaltado co sistema que estamos a empregar sitúase arredor dos 85.000 euros por quilómetro”
