O programa de obradoiros para maiores de Silleda arranca con todas as prazas cubertas

 

  • As sesións, dirixidas a persoas maiores de 55 anos, desenvolveranse ata o 25 de xuño no Centro Social de Maiores
  • A concelleira de Benestar, Ángela Troitiño, asistiu ao inicio da actividade, que comezou cunha sesión de risoterapia

Silleda, 26 de maio de 2026. O programa de obradoiros gratuítos de capacitación persoal para persoas maiores de 55 anos, promovido por Solidaridad Intergeneracional coa colaboración do Concello de Silleda, vén de comezar no Centro Social de Maiores cunha excelente acollida, ao cubrirse a totalidade das prazas ofertadas.

As sesións desenvolveranse ata o vindeiro 25 de xuño, todos os luns e xoves, en horario de 16.00 a 18.00 horas, no Centro Social de Maiores de Silleda. A actividade enmárcase no programa Silleda Activa e ten como obxectivo fomentar o envellecemento activo, o benestar persoal, a participación social e a creación de espazos de encontro e convivencia entre as persoas maiores.

A primeira sesión estivo centrada na risoterapia, cunha dinámica participativa e amena coa que as persoas asistentes puideron compartir unha tarde de humor, expresión e convivencia. Ao longo das vindeiras semanas, os obradoiros abordarán tamén outros contidos vinculados á relaxación, as emocións, a creatividade e a capacitación persoal.

A concelleira de Benestar, Ángela Troitiño, asistiu ao inicio do programa e destacou “a moi boa resposta ante esta proposta, que demostra as ganas de participar, aprender, compartir e seguir activas”.

Troitiño sinalou que “o feito de cubrir todas as prazas confirma a necesidade de seguir impulsando actividades deste tipo, pensadas para favorecer o benestar físico, emocional e social das persoas maiores”. A edil engadiu que “estes obradoiros son moito máis ca unha actividade puntual: son un espazo para relacionarse, reforzar a autoestima, expresar emocións e gozar dun tempo compartido”.

Dende a Concellería de Benestar agradecen a implicación de Solidaridad Intergeneracional nesta iniciativa, que conta co financiamento da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Política Social e Igualdade, e coa colaboración do COAG.

A actividade inicial continuará con duas sesión semanais con contidos como risoterapia, relaxación, emocións e creatividade.