- A sesión, que se trasladará finalmente ao martes 2 de xuño, incluirá tamén o Plan Económico Financeiro, unha modificación de crédito para amortizacións e a modificación do cadro de persoal de cara á Oferta de Emprego Público deste ano
Silleda, 26 de maio de 2026. O Concello de Silleda celebrará finalmente o vindeiro martes, día 2 de xuño, o pleno ordinario correspondente ao mes de maio, no que se abordarán distintos asuntos de carácter económico, organizativo e de apoio ao tecido produtivo local.
Un dos puntos da orde do día será a proposta de aprobación das bonificacións do Imposto de Bens Inmobles, IBI, para explotacións agrícolas, gandeiras e forestais do municipio. En total, a medida beneficiará a 318 titulares, correspondentes a 391 referencias catastrais, entre renovacións e novas altas.
A proposta recolle a declaración de especial interese ou utilidade pública municipal destas explotacións, por concorrer circunstancias sociais e de fomento do emprego, o que permite aplicar bonificacións do 95 % da cota íntegra do imposto nas construcións rústicas indispensables para o desenvolvemento da actividade, así como do 50 % nos casos nos que a instalación figure no Catastro como unha unidade única, sen separación entre o uso residencial e o agropecuario.
A alcaldesa, Paula Fernández Pena, destaca que esta medida, aprobada hai xa 10 anos, “é unha mostra máis do compromiso do Concello co sector primario, que segue a ser un piar fundamental da economía local e da vida nas parroquias”. A rexedora sinala que “estas bonificacións supoñen un apoio directo ás explotacións agrogandeiras, contribuíndo a aliviar cargas fiscais e recoñecendo o seu papel na xeración de actividade, emprego e mantemento do territorio”.
Outro dos asuntos que se someterá á consideración da Corporación será a modificación do acordo regulador do prezo público do Viveiro de Empresas municipal de Área 33, tal e como se acordara na última sesión plenaria. A proposta busca flexibilizar determinados aspectos do funcionamento deste servizo municipal, permitindo, con carácter excepcional, o acceso de empresas ou persoas autónomas xa constituídas, sen límite de antigüidade, cando existan espazos dispoñibles.
Tamén se regulará a posibilidade de continuidade provisional das persoas usuarias unha vez transcorrido o prazo máximo de permanencia, sempre que non exista demanda doutros proxectos empresariais que cumpran os requisitos de acceso. En todo caso, manterase a prioridade para as empresas de nova creación e para aquelas cunha antigüidade inferior a dous anos.
Deste xeito, o Concello pretende optimizar o uso das instalacións públicas e evitar que queden espazos vacantes, mantendo ao mesmo tempo a finalidade principal do viveiro como instrumento de apoio ao emprendemento. A modificación tamén estivo exposta á consulta do público nas últimas semanas a través da web municipal.
A orde do día incluirá ademais novamente o Plan Económico Financeiro, derivado do incumprimento da regra de gasto na liquidación do exercicio 2025. A proposta contempla a aprobación deste documento técnico, elaborado por Intervención, e o seu traslado aos organismos encargados do seguimento, así como a reserva do remanente de tesourería restante durante o prazo de execución do plan, co obxectivo de poder destinalo nun futuro ao financiamento do proxecto de construción e instalación dun centro acuático deportivo no municipio. O Plan Económico Financieiro para 2026-27 xa foi abordado polos grupos municipais en tres sesións da Xunta de Voceiros, así como nas comisions informativas celebradas esta semana e na que xa quedaron dictaminados todos os asuntos do Pleno.
No apartado económico, tamén se abordará unha modificación de crédito por importe de 500.000 euros, destinada a amortizacións e financiada con remanente para gastos xerais.
Oferta Pública de Emprego para 2026
Por último, o pleno tratará a modificación do cadro de persoal municipal, de cara á Oferta de Emprego Público deste ano. A proposta ten como finalidade adaptar a estrutura organizativa do Concello ás necesidades actuais dos servizos públicos e inclúe a creación de tres prazas de persoal funcionario: unha de técnico/a de Medio Ambiente, unha de conserxe-limpador/a e unha de auxiliar de biblioteca, prazas contempladas xa na RPT pero que non figuraban aínda no cadro de persoal.
A Oferta Pública de Emprego para este ano, que xa foi abordada cas organización sindicais na Mesa de Negociación, inclue ademais outras tres prazas: de axente de Policía Local, limpador/a, e arquitecto/a técnico/a.
