- A 36ª edición contará pola mañá coa V Carreira de Orientación Silleda, con inscrición previa, e pola tarde cunha ampla programación lúdica arredor dos seres fantásticos
Silleda, 2 de xuño de 2026. A Romaría da Rapazada celebrará este ano a súa 36ª edición cun cambio de data, pasando a desenvolverse o sábado 20 de xuño como colofón do curso escolar e festa de benvida ás vacacións de verán.
A cita, organizada polo Concello de Silleda, volverá reunir á rapazada e ás familias nunha xornada de convivencia, lecer e actividades ao aire libre, que terá como fío condutor unha temática arredor dos seres fantásticos.
Como principal novidade desta edición, a programación da mañá incluirá a V Carreira de Orientación Silleda, unha proposta pensada para desfrutar en familia e que se desenvolverá de 11.00 a 14.00 horas no recinto da Saleta, en Siador, sobre mapa de monte, desenvolvida por Xesta Natureza. Esta será a quinta carreira de orientación organizada polo Concello de Silleda e a segunda que terá como escenario este espazo natural.
A actividade consistirá en visitar no menor tempo posible todas as balizas establecidas, seguindo a orde indicada no mapa. As saídas realizaranse de maneira escalonada e a organización facilitará ás persoas participantes unha tarxeta electrónica para ir rexistrando o paso por cada unha das balizas.
Equipos de ata 6 persoas en tres categorías
Para participar será preciso realizar inscrición previa. O prazo abrirase mañá e os equipos poderán estar formados por ata seis persoas. No caso de participar de maneira individual, deberán formalizarse inscricións separadas.
A carreira contará con tres categorías. Xestiñas, dirixida a nenos e nenas, será unha modalidade sinxela física e tecnicamente, cun percorrido inferior aos 3 quilómetros. Xestas, pensada para persoas adultas, terá un nivel físico e técnico medio e un percorrido inferior aos 4 quilómetros. Pola súa banda, Xesteiras estará orientada a persoas con coñecementos medios ou altos de orientación, cun nivel físico e técnico alto e un percorrido superior aos 5 quilómetros.
A xornada continuará pola tarde cunha programación que se prolongará ata as 21.00 horas e que incluirá xogos, inchables, actuacións musicais, obradoiros, espectáculos e outras propostas de animación. O programa completo darase a coñecer nos vindeiros días.
A alcaldesa, Paula Fernández, destaca que a Romaría da Rapazada “é unha das citas máis agardadas polas familias e pola rapazada de Silleda, unha festa xa plenamente consolidada que este ano queremos facer coincidir co remate do curso escolar para convertela tamén nunha celebración do inicio do verán”.
Fernández sinala que o cambio de data “responde á vontade de darlle un novo impulso á romaría, reforzando o seu carácter festivo, familiar e participativo”. A rexedora engade que “despois de meses de curso, tarefas e rutinas, a rapazada merece unha xornada pensada para xogar, compartir, imaxinar e desfrutar”.
A alcaldesa pon tamén en valor a carreira de orientación familiar, “unha proposta que combina actividade física, contacto coa natureza e traballo en equipo”. Neste sentido, lembra que “as anteriores experiencias tiveron moi boa acollida e queremos seguir apostando por actividades que permitan ás familias compartir tempo de calidade nunha contorna privilexiada como A Saleta”.
Desde o Concello de Silleda animan ás familias a reservar a data do sábado 20 de xuño e a participar nesta nova edición da Romaría da Rapazada, unha celebración que volverá encher Siador de xogos, música, fantasía e ilusión para despedir o curso e abrir oficialmente as portas ao verán.
