O Enredos Fest volve ao Auditorio Manuel Dopazo da Bandeira cunha fin de semana de teatro

 

  • A segunda edición do festival celebrarase a vindeira fin de semana días 13 e 14 de xuño con dúas representacións a cargo de Enredos Teatro e Teatro Pesadelo

Silleda, 4 de xuño de 2026. O Auditorio Manuel Dopazo da Bandeira acollerá os vindeiros días 13 e 14 de xuño a segunda edición de Enredos Fest, o festival de teatro afeccionado que volve ao municipio da man de Enredos Teatro e o  Concello de Silleda.

A programación desta nova edición inclúe dúas funcións teatrais, que se desenvolverán durante a fin de semana no auditorio bandeirés, consolidando esta cita como un espazo para dar visibilidade ao teatro afeccionado e achegar as artes escénicas á veciñanza.

O festival abrirase o sábado 13 de xuño, ás 21.00 horas, coa compañía anfitriona,  Enredos Teatro, que representará a obra As ladroas somos xente honrada, baixo a dirección de Amorodio.

A segunda proposta chegará o domingo 14 de xuño, ás 19.30 horas, coa compañía Teatro Pesadelo, que porá en escena Xa é hora, unha montaxe baseada na obra de Tomás Afán e dirixida por Paco Luna.

A alcaldesa, Paula Fernández, destaca que “Enredos Fest é unha oportunidade para seguir apoiando o teatro afeccionado, que ten un papel moi importante na dinamización cultural e na participación veciñal”. A rexedora sinala que “a cultura tamén se constrúe desde o territorio, desde os grupos locais e desde todas esas persoas que, con ilusión e compromiso, manteñen viva a actividade teatral”.

Fernández pon tamén en valor o traballo de Enredos Teatro, “un colectivo que contribúe a enriquecer a vida cultural do municipio, achegando propostas escénicas e creando espazos de encontro arredor do teatro”.

Desde o Concello de Silleda anímase á veciñanza a participar nesta nova edición de Enredos Fest e a desfrutar dunha fin de semana na que o Auditorio Manuel Dopazo volverá abrir o pano ao talento, ao humor, á emoción e á creatividade do teatro afeccionado.