A Comisión Provincial de Patrimonio deu o visto e prace á proposta técnica encargada polo Concello e o Bispado asumirá o financiamento das obras
Silleda, 6 de Agosto de 2026.- Carboeiro recuperará a cuberta da súa igrexa parroquial tras o acordo acadado entre as diferentes partes implicadas para executar as obras necesarias no templo, afectado polo derrubamento parcial do tellado rexistrado o pasado 11 de abril.
Tras a caída dunha parte da cuberta, o Concello de Silleda asumiu desde o primeiro momento a protección do inmoble e comprometeuse coa veciñanza a impulsar a elaboración dunha memoria valorada que permitise definir as actuacións necesarias e avanzar canto antes na súa recuperación.
Para buscar unha solución, o Concello contratou a redacción dun proxecto de recuperación do tellado e promoveu a coordinación coa Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e co Bispado de Lugo. A proposta técnica tivo que ser elevada á Comisión Provincial de Patrimonio para a súa aprobación, un trámite que se resolveu nun prazo moi reducido. O órgano deu o seu visto e prace á intervención e o Bispado confirmou que asumirá o financiamento dos traballos.
A alcaldesa de Silleda, Paula Fernández Pena, participou, xunto co párroco, nunha reunión da Asociación de Veciños de Carboeiro para informar directamente dos avances realizados, explicar as características da actuación e trasladar os seguintes pasos do proceso.
O proxecto contempla a recuperación integral da cuberta, coa reposición da estrutura de madeira na zona derrubada, a retirada do falso teito da nave para deixar a estrutura á vista, a reparación da varanda do coro e a renovación da cobertura de tella. A proposta define a solución completa atendendo á hipótese máis desfavorable, aínda que durante a execución se conservarán os elementos de madeira existentes no presbiterio e na sacristía sempre que se atopen en bo estado ou poidan ser restaurados, tal e como establece a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.
O seguinte paso será que a Diocese de Lugo presente o proxecto no Concello de Silleda para tramitar a correspondente licenza municipal. Paralelamente, deberá solicitar ofertas a distintas empresas co obxectivo de contratar e iniciar as obras coa maior brevidade posible.
A alcaldesa destacou a rapidez coa que avanzou todo o proceso grazas á implicación das diferentes partes. “Desde o primeiro momento comprometémonos coa veciñanza a buscar unha solución e puxemos os medios necesarios para que a recuperación da igrexa non quedase paralizada. A coordinación entre o Concello, Patrimonio, o Bispado, a arquitecta, a parroquia e a Asociación de Veciños permitiu avanzar en tempo récord”, sinala Paula Fernández Pena.
A rexedora agradeceu a disposición do Bispado para asumir o custo da intervención e a colaboración da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural para axilizar a valoración e aprobación da proposta.
“Este proceso demostra a importancia da colaboración entre institucións. Cando todas as partes traballamos cun obxectivo común, os trámites avanzan e as solucións chegan antes. Agora toca completar a tramitación da licenza, buscar as empresas e conseguir que as obras comecen canto antes para que a veciñanza de Carboeiro poida recuperar a súa igrexa”, conclúe a alcaldesa.
