- A alcaldesa, Paula Fernández, visitou hoxe as obras xunto coa concelleira Ángela Troitiño e responsables da empresa adxudicataria, Taboada y Ramos
- A actuación contempla melloras viarias en distintos puntos da parroquia, entre eles Santa Baia, Sobrado, Vilar, Altamira, Fucarelos e O Candao
Silleda, 7 de agosto de 2026. O Concello de Silleda vén de iniciar os traballos de asfaltado incluídos na actuación de mellora viaria da parroquia de Cira, adxudicada á empresa Taboada y Ramos e que conta cun investimento superior aos 400.000 euros.
A alcaldesa de Silleda, Paula Fernández Pena, visitou hoxe os traballos acompañada pola concelleira Ángela Troitiño e por responsables da empresa adxudicataria, comprobando sobre o terreo o avance dunha actuación moi demandada pola veciñanza da parroquia.
As obras inclúense no programa municipal de actuacións no rural aprobado ao abeiro do crédito de 1.750.000 euros destinado á mellora de pistas e camiños en distintas parroquias do municipio, unha iniciativa que contou co apoio de toda a Corporación municipal.
No caso de Cira, os traballos contemplan intervencións en distintos puntos da parroquia, con actuacións en lugares como Santa Baia, Sobrado e Vilar, así como en varios núcleos, entre eles Altamira, Fucarelos e O Candao. As obras teñen como obxectivo principal renovar a capa de rodadura e mellorar as condicións de seguridade e accesibilidade nos camiños municipais.
Paula Fernández destacou durante a visita a importancia do inicio desta fase dos traballos, destacando que se comezou executando unha primeira capa de regularización básica para que a capa de rodadura final quede nas mellores condicións de durabilidade.
Fernández lembrou que a execución das obras viuse condicionada por circunstancias alleas ao Concello despois de que a empresa inicialmente adxudicataria renunciase ao contrato.
“Sabemos que estes meses de demora xeraron preocupación e impaciencia entre a veciñanza, e por iso agradecemos especialmente a súa comprensión. Agora o importante é que a obra está en marcha e que Cira contará cunha destacada mellora na súa rede viaria”, concluíu Paula Fernández.
As obras continuarán ata o vindeiro venres 14, data na que a empresa colle vacacións ata o 24, día no que se retomarán os traballos. “Confiamos en que os traballos avancen segundo a planificación establecida e quede únicamente o ramal da igrexa para realizar a partir do 24 próximo”, engade a alcaldesa e responsable municipal de Obras.
