- A actuación, cun investimento de máis de 54.000 euros, permitiu renovar e acondicionar distintos elementos destes catro equipamentos veciñais do rural
• A alcaldesa, Paula Fernández, visitou hoxe os centros xunto coa concelleira de Cultura, Mónica González, a dirección de obra e representantes da empresa adxudicataria
Silleda, 7 de agosto de 2026. O Concello de Silleda realizou hoxe unha visita aos centros sociais de Piñeiro, Lamela, Curro —na parroquia de Cira— e Moalde para comprobar o resultado das obras de mellora executadas nos últimos meses nestes catro equipamentos municipais.
A alcaldesa, Paula Fernández, e a concelleira de Cultura, Mónica González, percorreron os catro locais acompañadas pola directora de obra e por representantes da empresa adxudicataria, Taboada y Ramos, revisando as distintas intervencións realizadas en cada un dos inmobles.
A actuación foi adxudicada por un importe de 54.149,64 euros, IVE incluído, con financiamento a través do Plan Máis Provincia da Deputación de Pontevedra, e permitiu atender diferentes necesidades de conservación, accesibilidade e funcionalidade detectadas nestes centros sociais.
As intervencións adaptáronse ás características e necesidades de cada edificio. No centro social de Piñeiro actuouse na cuberta, realizouse o pintado da cociña e renováronse as carpinterías exteriores. En Lamela, os traballos incluíron a reorganización da zona de aseos para mellorar a accesibilidade, así como distintas actuacións na cociña, entre elas o pintado e a colocación dun falso teito e a dotación de mobiliario.
No centro social de Curro, na parroquia de Cira, as obras centráronse fundamentalmente na mellora da cuberta e na reparación da balaustrada da parcela, mentres que en Moalde se levaron a cabo tarefas de conservación das fachadas, revisión da cuberta e mellora dos acabados do inmoble, ademais da limpeza exterior do edificio.
A alcaldesa destacou durante a visita que “con estas actuacións seguimos avanzando na conservación dunha rede de centros sociais que ten unha enorme importancia para a vida das nosas parroquias”.
Paula Fernández incidiu en que “non se trata únicamente de manter edificios, senón de coidar os espazos nos que se reúne a veciñanza, se celebran actividades e se mantén viva a dinámica social e cultural do rural”.
“Cada centro presenta necesidades diferentes e por iso intentamos actuar de maneira específica, atendendo tamén ás demandas que nos trasladan as propias asociacións e a veciñanza”, explicou a rexedora, que puxo en valor o resultado das obras realizadas.
Desde o goberno municipal lembran que Silleda conta cunha ampla rede de centros sociais distribuídos polo rural e que nos últimos anos se veñen promovendo actuacións de conservación e mellora en distintos inmobles.
“Queremos que estes espazos continúen sendo lugares útiles, cómodos e accesibles para a veciñanza e, para iso, é imprescindible ir acometendo de forma progresiva as melloras que precisan”, concluíu Paula Fernández.
