O Concello xa solicitou unha inspección urxente, medidas transitorias e un pronunciamento expreso sobre mantemento, vixilancia, selado, clausura e postclausura
A administración municipal tamén se personou no expediente e comunicou a Bander que non acepta unha transferencia unilateral das obrigas vinculadas á instalación
Silleda, a 19 de setembro de 2026. O Concello de Silleda xa se dirixiu formalmente á Xunta de Galicia para reclamar un pronunciamento urxente e expreso sobre a situación administrativa do vertedoiro de Campomarzo, despois de que o proxecto de ampliación da instalación recibise unha declaración de impacto ambiental desfavorable e de que Bander Residuos comunicase a súa renuncia á autorización ambiental integrada.
A resolución da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade do 28 de abril de 2026 puxo fin ao procedemento de modificación substancial da autorización ambiental integrada, ao terse formulado unha declaración de impacto ambiental desfavorable respecto da ampliación e adaptación promovida por Bander.
Nos últimos días, Bander comunicou ao Concello que presentara ante a Xunta unha renuncia expresa e inmediata á AAI (Avaliación Ambiental Integrada) e sostivo que non lle correspondía continuar asumindo as tarefas de mantemento, vixilancia e control, reclamando que fose o Concello quen asumise ou encargase esas obrigas e promovese o selado e clausura da instalación.
Ante esa situación, o Concello de Silleda xa adoptou dúas actuacións formais.
Por unha banda, trasladou á Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade unha solicitude urxente de inspección da instalación, adopción de medidas transitorias e determinación das responsabilidades derivadas do cesamento comunicado por Bander.
Por outra, personouse como parte interesada no expediente autonómico e solicitou á Xunta que non resolva sobre a renuncia sen audiencia previa ao Concello, que non se devolva o aval de 271.256 euros mentres non queden garantidas as obrigas de mantemento, vixilancia, selado e postclausura, e que a resolución determine expresamente a quen corresponden esas responsabilidades.
Que medidas hai que adoptar agora
O Concello considera que, unha vez denegada a ampliación e comunicada a renuncia da empresa, a prioridade debe ser evitar calquera baleiro de control, mantemento ou vixilancia ambiental.
A solicitude municipal inclúe cuestións como o control de accesos, a prevención de novos vertidos, o seguimento de lixiviados, augas e gases, a seguridade da instalación, o mantemento do programa de vixilancia ambiental e as actuacións necesarias de cara ao selado, clausura e postclausura.
A alcaldesa, Paula Fernández Pena, sinala que “A ampliación non superou a avaliación ambiental e agora a empresa comunica que pretende deixar de asumir as actuacións que viña realizando. Nesa situación, a Xunta debe determinar con claridade cales son as medidas que hai que adoptar, quen está obrigado a executalas e como se garante que o vertedoiro non quede sen control ambiental.”
O Concello non acepta asumir automaticamente as obrigas
O Concello xa respondeu tamén formalmente a Bander Residuos deixando constancia de que non acepta a atribución unilateral das obrigas de mantemento, vixilancia, control, selado, clausura, financiamento ou postclausura da instalación, como pretende a empresa no seu comunicado.
A documentación municipal lembra que Bander figura como titular da autorización ambiental integrada desde decembro de 2020 e que a resolución de abril de 2026 puxo fin ao procedemento de ampliación, pero non consta que esa resolución autorizase o peche do vertedoiro, extinguise a AAI orixinaria nin trasladase ao Concello as obrigas ambientais vinculadas á instalación.
Por este motivo, será a Administración ambiental competente a que deberá determinar formalmente quen figura actualmente como titular e entidade explotadora, que obrigas seguen vixentes e a quen corresponde o seu cumprimento.
Requirimento directo a Bander
O Concello requiriu ademais á empresa para que, nun prazo de cinco días hábiles, comunique a situación actual da instalación, a última actuación de mantemento ou control realizada, os últimos informes e analíticas dispoñibles do programa de vixilancia ambiental e calquera incidencia coñecida que poida supoñer un risco ambiental ou para a seguridade das persoas.
A administración municipal considera especialmente relevante esta información porque a propia Bander recoñece ter realizado entre 2021 e 2026 actuacións de mantemento, control e vixilancia por esixencia da Administración autonómica.
O aval de 271.256 euros
Outro dos puntos trasladados á Xunta é a situación do aval constituído por Bander. O Concello solicitou que non se acorde a súa devolución mentres non quede garantido o cumprimento das obrigas ambientais pendentes, entre elas as relacionadas co mantemento, vixilancia, selado, clausura e postclausura.
A alcaldesa engade que “Antes de liberar calquera garantía económica ten que quedar claro que obrigas están pendentes, quen debe asumilas e que recursos existen para asegurar que se cumpren. O Concello non vai aceptar que unha renuncia deixe sen cobertura responsabilidades ambientais que aínda non están resoltas.”
Á espera da resposta da Xunta
O Concello queda agora á espera do pronunciamento da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade sobre a renuncia presentada por Bander, as medidas que deben manterse ou adoptarse, o eventual procedemento de clausura e selado e a identificación das persoas ou entidades responsables.
A administración municipal insiste en que o obxectivo é garantir a protección ambiental e a seguridade da instalación, evitando que a situación creada derive nun período de abandono ou falta de seguimento. A entidade local xa solitou tamen unha reunión cos responsables da concelleria para avaliar de xeito presencial esta situación.
